Carballo amplía o seu museo ao aire libre nunha nova edición do Rexenera Fest
O festival fomenta a transformación arquitectónica e estética da vila
Isa Bermúdez está facendo realidade un soño converténdose na primeira carballesa que forma parte do cartel do Rexenera Fest, o festival de arte pública de Carballo que este ano chega á súa duodécima edición. Isa confesa que descoñecía o dato e sabelo prodúcelle unha mestura de vertixe e satisfacción.
O seu mural fala da sororidade entre mulleres, dos coidados. Son dúas mozas, vestidas con roupa tradicional e unha estalle trenzando o pelo á outra.
Ona Salvador, desde as Baleares; o grego Taxis; Lonac, desde Croacia, e a madrileña Raquel Coba completan o cartel do certame. Cinco propostas con mensaxes e técnicas diferentes, como explican Maite Parga, técnica de Información e Turismo de Carballo, e Xabier Mourón, codirector do Rexenera Fest, que tamén incide na aposta do certame pola profesionalización do gremio.
O festival fomenta a transformación arquitectónica e estética da paisaxe carballesa. As intervencións este ano fanse no barrio das Flores. O programa do festival inclúe rutas guiadas e na fin de semana haberá obradoiros e música para poñer o ramo.