Na procura dunha rubia galega desaparecida en Nogueira de Ramuín
Un gandeiro de San Miguel do Campo denuncia na Garda Civil o roubo dunha vaca de dous anos acabada de parir
Sospeita que puxeron o gando nervioso para que saltase o cercado da leira e poder levar a vaca tras adormecela
Un gandeiro de Nogueira de Ramuín denuncia o roubo dunha vaca. Está convencido de que asustaron o gando que tiña no prado para que saíse fóra do cercado e así poder levar unha. Di que tiveron que adormecela para cargala porque era nova, tan só tiña dous anos, e moi nerviosa.
Nada se sabe desta rubia galega de dous anos e acabada de parir, desapareceu de madrugada cando estaba co resto da manda. Vinte cabezas que este gandeiro de San Miguel do Campo, no concello ourensán de Nogueira de Ramuín, tiña cercadas nunha parcela, cando chegou pola mañá andaban catro soltas e faltaba a Rubia como lle chama. Está convencido de que lla roubaron. Que asustaron a godo para que saltase o valado e así poder coller unha tras adormecela cun dardo segundo di o propietario dos animais.
Camilo amosa as rodeiras que asegura que deixou no prado o vehículo onde cargaron a vaca. Acaba de denunciar o roubo na Garda Civil, o gandeiro valora a vaca nuns 3.000 euros. Ten esperanza de dar con ela pero recoñece que é difícil. Aínda máis ca o gandeiro, bota de menos a vaca roubada o xatiño que sen nai quedou desamparado.