Falece a muller alcanzada por unha vaca no desfile de gando do San Froilán
Estaba ingresada na UCI do hospital Lucus Augusti dende o 5 de outubro
O Concello de Lugo expresa "o seu máis fondo pesar" polo falecemento
A muller de 31 anos alcanzada por unha vaca durante o desfile de gando das festas do San Froilán faleceu este domingo logo de pasar catorce días ingresada na UCI do hospital Lucus Augusti de Lugo.
Unha vaca que participaba no tradicional percorrido polo centro da cidade, o día 5 de outubro, asustouse co barullo e escapou ás carreiras entre o público sen que o seu dono puidese controlala.
Por mor da algarabía, outra vaca golpeou a falecida, natural de Vilagarcía de Arousa. No momento, foi trasladada en estado grave ao centro hospitalario onde faleceu este domingo.
Pésame do Goberno local
O Concello de Lugo expresou "o seu máis fondo pesar" polo falecemento da muller ferida no desfile. O Goberno local transmitiulle "o seu máis sincero pésame e todo o seu cariño á familia e ás persoas achegadas, nun momento de enorme dor que conmociona a toda a cidade".
O executivo agradeceu tamén, a través dun comunicado, o traballo de todas as persoas e servizos de emerxencia que prestaron a súa colaboración e apoio durante o suceso do día 5 de outubro.