O atún, 'demonizado' en Francia
Prohibido nos comedores escolares de 7 cidades malia estar demostrado que o seu consumo é moi beneficioso, sobre todo durante a infancia
O atún contén grandes cantidades de selenio que aparte de ser beneficioso para a saúde é un antídoto para o mercurio
Moita xente deixa de consumir ou restrinxe a inxestión de peixe polo medo á toxicidade por mercurio. O mesmo medo que levou as autoridades francesas a tomar a decisión de prohibilo nos comedores escolares de grandes cidades.
"A intención é protexer as poboacións que son máis susceptibles dos efectos tóxicos do mercurio. Porén, lamentablemente, ao longo da evidencia que sabemos hoxe en día, esa decisión é errónea", opina Guillermo Aldama López, cardiólogo intervencionista do CHUAC
Estes peixes son unha fonte de saúde, de ácidos graxos, vitamina D, pero tamén
"Minerais como magnesio, como iodo como selenio, que son moi difíciles de incorporar á dieta se non consumimos peixe", apunta Amil López Viéitez, dietista nutricionista.
A existencia de mercurio no peixe é incuestionable, pero por que non se manifesta esa toxicidade nas poboacións insulares que se alimentan a base del?
"Débese a unha razón e é que o propio peixe, incluído o atún e o peixe espada teñen o que denominariamos un antídoto contra o mercurio, e ese antídoto é o selenio", explica o cardiólogo
E o atún contén selenio en grandes cantidades:
"Hoxe en día sabemos que a toxicidade por mercurio débese a que secuestra o selenio do noso corpo e o selenio é fundamental para o cerebro, para o corazón, para o sistema inmunitario, endócrino. Pero ao consumir peixe, non só inxerimos mercurio, tamén selenio e peixes como o atún, o peixe espada ou o resto de peixes que se consomen en España teñen moito máis selenio que mercurio ou sexa non só neutraliza o posible efecto do mercurio senón que ademais son doadores netos de selenio", informa Guillermo Aldama
É por iso que restrinxir o consumo destes peixes, lonxe de protexer o que acaba é prexudicando a saúde
"E un prexuízo, ollo, que nos nenos non só lles afecta durante a infancia porque eses atrasos psicomotores, neurocognitivos e verbais tamén se estenden á fase adulta, que fai que estes nenos teñan máis fracaso escolar, máis tendencia ao suicidio etc....", conclúe.