Publicador de contidos

Publicador de contidos

Bruxelas multa a Google con 2.950 millóns por abusos no mercado de publicidade en liña

Bruxelas multa a Google con 2.950 millóns por abusos no mercado de publicidade en liña

A Comisión Europea dá 60 días ao xigante tecnolóxico para expor medidas que corrixan a situación 

 

Foto de arquivo/Arne Dedert/Europa Press Foto de arquivo/Arne Dedert/Europa Press
G24.gal 05/09/2025 17:54

A Comisión Europea multou a multinacional Google con 2.950 millóns de euros por abuso de posición dominante na publicidade en liña ao favorecer os seus propios servizos neste sector e deulle 60 días para poñer fin a estas prácticas.

A sanción é a segunda máis alta xamais imposta polo Executivo comunitario por abusos monopolísticos, por detrás da multa de máis de 4.000 millóns tamén a Google por violar as normas comunitarias de competencia a través de Android.

A institución europea tiña previsto anunciar esta multa ao comezo desta semana, pero o proceso foi freado tras a intervención do comisario de Comercio, Maros Sefcovic, quen foi o negociador do bloque coas autoridades estadounidenses durante a guerra arancelaria.

Bruxelas esixiu a Google que poña fin ao comportamento que favorece os seus propios servizos de tecnoloxía publicitarias e a adoptar "medidas para erradicar os seus conflitos de interese ao longo da cadea de subministración de tecnoloxía publicitaria".

"A decisión mostra que Google abusou da súa posición dominante en 'adtech' prexudicando editores, anunciantes e consumidores. Este comportamento é ilegal baixo as normas de competencia da UE e Google debe agora presentar correccións serias para atallar os seus conflitos de interese", dixo a vicepresidenta da Comisión Europea, Teresa Ribeira.

A española avisou tamén a tecnolóxica de que Bruxelas "non dubidará en impoñer" correccións "serias" a Google se a firma, que ten un prazo de 60 días para comunicar as medidas, se nega a emendar o seu comportamento.

Bruxelas abriu en 2021 a súa investigación sobre o negocio publicitario en liña e confirmou dous anos despois que as prácticas da multinacional neste sector eran contrarias ao dereito comunitario. As autoridades europeas concluíron entón que a única saída pasaba por que Google vendese parte deste negocio.

Google ofrece servizos neste sector con dúas ferramentas de compra para anunciantes, Google Ads e DV 360, outra para que os editores xestionen os seus espazos publicitarios, DoubleClick for Publishers ou DFP, e unha plataforma que pon en contacto ambas as partes do negocio, AdX.

A investigación de Bruxelas concluíu que Google abusou desde "polo menos" 2014 da súa posición dominante nestes mercados para favorecer a súa plataforma AdX nas poxas de anuncios organizadas por DFP informándoa, por exemplo, do valor da aposta máis elevada que fixera un competidor e que tiña que superar para gañar o contrato.

AdX tamén gozaba dunha vantaxe competitiva nas ferramentas de compra Google Ads e DV 360: a primeira ofrecía principalmente ofertas feitas sobre a plataforma de Google, provocando que AdX fose a opción "máis atractiva".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade