Comeza a vendima en Monterrei coa previsión de aumentar a colleita malia os incendios
O presidente da Denominación de Orixe salienta que o lume só afectou ao 2,6 % do terreo

A Denominación de Orixe (DO) Monterrei comezou a súa campaña de vendima este domingo na adega Francisco Pérez Diéguez, en Verín, con previsións dunha colleita superior á do ano anterior.
Segundo trasladou o seu presidente Manuel Vázquez, a DO celebra que hai unha boa colleita feita á espera de superar os quilos de uva do ano pasado. "Contamos que a colleita sexa máis grande porque temos inscritas sobre unhas 70 hectáreas máis", sinalou.
Tras a vaga de incendios que arrasou a provincia e afectou o municipio de Monterrei, Vázquez celebra que tan só o 2,6 % do total da DO resultase calcinado polo lume, unha porcentaxe que en cómputos globais, engade, é "pouquiña cousa".
O presidente da DO recalca que aínda non hai datos de como podería afectar o fume á colleita, pero incide en que, en función do clima e de varios factores que poden alterar a vendima, espérase que todo vaia segundo o previsto.
A vendima en Monterrei segue este luns coa recollida de uva nas adegas Terras do Cigarrón e Pazo das Tapias.