A vendima na Ribeira Sacra entra na recta final superando os catro millóns de quilos
Esta é unha das campañas máis curtas da historia da Denominación de Orixe, marcada pola calor e os incendios
A colleita é menor ca do 2024, pero de boa calidade
Nos bancais da Ribeira Sacra levan un mes de recolleita manual da uva nos Canóns do Miño e do Sil.
A campaña comezaba xa nalgunha adega a finais de agosto e o Consello Regulador dá por rematado o groso do traballo, con 4.300.000 quilos de uva vendimada.
"Levamos recollidos máis de catro millóns de quilos, concretamente catro coma tres millóns, dos cales a variedade principal é a mencía, seguida das variedades brancas, como é o godello que anda sobre os novecentos mil", apuntan desde o Consello Regulador da Denominación de Orixe.
O presidente do Consello Regulador, Antonio Lombardía, asegura que "esta será posiblemente unha das colleitas máis curtas dos últimos anos, debido á vaga de calor do mes de agosto que fixo minguar moito a cantidade de acios".
Porén os viticultores prevén unha colleita e uns viños de calidade.
"Este ano agardamos uns viños de alta calidade xa que a uva entrou nas adegas nun estado sanitario óptimo e cun grande equilibrio entre o grao alcólico e a acidez".
Na viticultura heroica agardan o remate da vendima pra cuantificar as consecuencias dos incendios no sector, nos concellos de Pantón e Sober e, en menor medida, na subzona de Quiroga.
O Consello Regulador asesorará os produtores na avaliación de danos e na solicitude das axudas da Xunta pra reestruturación dos viñedos queimados.