A calor podería adiantar a vendima, que se prevé abundante e de calidade
Algunhas adegas comezarán a colleita na segunda quincena de agosto
O tempo favoreceu a maduración temperá dos froitos, pero falta man de obra
Nunha adega de Cambados prepáranse para recoller o traballo de todo un ano. As uvas entran no treito final de maduración e pronto se transformarán en viño.
"Aquí cremos que será a finais de agosto ou principios de setembro, pero depende do tempo e das parcelas. Desde a Denominación de Orixe Rias Baixas falan de que se vai adiantar e estamos con certa tensión, pendentes dos viñedos porque é o momento chave para o adegueiros", explica Patricia Fernández Cousido, técnica de viñedos da adega Albamar.
Nalgunhas zonas non agardarán ao tradicional mes de setembro porque o tempo adiantou o proceso. Tamén axudou a que a uva medrara con cantidade, calidade e poucos ataques fúnxicos.
"O tempo favoreceu, as condicións son moi boas, este vento axuda a ventilar os viñedos, as mañás levántanse frescas e iso axuda a que os fungos estean quedos".
E se en algo coinciden nas adegas é na dificultade de atopar man de obra para a vendima. Así que aos que lles poida interesar aínda están a tempo de solicitalo.
"Aos estudantes podes interesarlles porque xusto vai coincidir antes de que comecen o curso, tamén estamos abertos aos traballadores migrantes, os veciños e a xente da zona que queira traballar nisto e lle guste, todos son benvidos".
Calcúlase que a vendima nas cinco denominacións de orixe do viño en Galicia podería superar esta ano os 80 millóns de quilos, un 5 por cento máis ca no 2025.