Publicador de contidos

Publicador de contidos

SAIC asegura que o seu proxecto para Ferrol é industrial e non "xeopolítico"

SAIC asegura que o seu proxecto para Ferrol é industrial e non "xeopolítico"

A compañía chinesa insiste en que respectará a seguridade nacional de España

Defensa expresa nun informe a súa "preocupación" pola proximidade da futura planta co arsenal militar e os estaleiros de Navantia

G24.gal 11/08/2026 14:48

A compañía chinesa agradece o apoio que está recibindo de todas as administracións. José Antonio Galve, director de Márketing de MG Motor para España e Portugal, insiste en que están "todos a unha, a sacar adiante este proxecto".

O directivo defende que MG-SAIC actúa con "transparencia total"e que a empresa entende "calquera tipo de análise que requira sobre a seguridade de España". 

Refírese ao informe do ministerio de Defensa incluído no expediente, en que expresa a súa "preocupación" pola proximidade da futura planta ao arsenal militar e os estaleiros de Navantia. Apunta á posibilidade de que os chineses poidan espiar infraestruturas tan estratéxicas.

Pero SAIC deféndese. "Por suposto que este proxecto industrial vai respectar a integridade e a seguridade nacional do territorio español. É un proxecto industrial, non xeopolítico, é un proxecto de fabricación de vehículos", di José Antonio Galve, director de Márketing de MG Motor para España e Portugal.

Os expertos aclaran que estes informes son habituais. José Julio Fernández, director do Centro de Estudos de Seguridade da USC, explica que se trata dun "tema menor que forma parte do procedemento normal de tramitación dunha empresa estranxeira que se instala en España".

Tamén sería normal, di, que o Goberno central impoña á compañía certas medidas. José Julio Fernández recorda que os gobernos doutros países, como Francia e Holanda, impuxeron medidas de cautela a empresas chinesas que se instalaron no seu territorio. 

Na súa opinión, a polémica xurdida pode responder a "algún interese oculto dalgún grupo empresarial contrario".

O alcalde de Ferrol cre que "non é casualidade"que El País e El Mundo publicasen o asunto en portada o mesmo día. Segundo José Manuel Rey, "son filtracións interesadas". Insiste en que foi SAIC-MG quen elixiu Galicia e quen elixiu Ferrol "por algunhas cousas que nos fan únicos". 

Entre esas razóns está, precisamente, a ubicación do seu porto e o acceso a provedores. Segundo o rexedor, "este proxecto é viable, vai xerar miles de empregos e significará un antes e un despois para Ferrol e para Galicia".

A empresa prevé fabricar en Galicia 120.000 coches cada ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade