A vendima máis temperá de Galicia comeza en varias denominacións de orixe
Nunca antes se colleran as uvas a estas alturas do mes de agosto
A vendima adiantouse en Galicia este ano e esta semana empezou xa nas denominacións de orixe Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Rías Baixas, que, desde que hai rexistros, nunca colleitaran as uvas a estas alturas de mes.
A Denominación de Orixe Ribeiro comezouna o mércores en Viña Meín, de Emilio Rojo, unha situación que se considera "puntual", segundo explican a EFE desde o Consello Regulador, igual que na Ribeira Sacra, que iniciou ese mesmo día a recolección nunha viña de Quiroga con godello e mencía.
"É algo excepcional. Normalmente faise a partir do 15 de agosto", sinalan nesa denominación de orixe, en que precisan que se está vendimando "zonas concretas que van adiantadas".
Este xoves empezou a vendima no D.O. Valdeorras. Foi varios días antes que calquera outra rexistrada ata o de agora, nun ano marcado polo adianto da maduración da uva e unhas boas perspectivas de calidade e produción, segundo indica esta denominación.
A vendima máis temperá da que ten constancia Valdeorras comezou, do mesmo xeito que o pasado ano -entón o 21 de agosto-, polas parcelas de godello de Adega Valdesil, en Vilamartín de Valdeorras, e tamén na Adega Rafael Palacios, neste caso no municipio da Rúa.
O ano pasado, a vendima en Valdeorras comezou o 21 de agosto, pero "a que manda é a planta", tal e como apunta o director técnico do D.O. Valdeorras, Jorge Mazaira.
"A planta está en condicións óptimas e a colleita presenta moita saúde. O adianto das datas de vendima é cada vez máis habitual", sinala.
Entre os factores que favoreceron este adianto atópase a boa dispoñibilidade de auga acumulada durante o inverno e, especialmente, durante os primeiros meses da primavera.
Nesta denominación, a campaña prolongarase aproximadamente mes e medio, aínda que a entrada das distintas parcelas en adega producirase de forma graduada.
Rías Baixas tamén empezou a vendimiar e, en concreto, Mar de Frades iniciou a colleita este xoves, aínda que o groso das adegas vano facer nos próximos días.
A vendima está próxima noutras denominacións. É o caso de Adegas Martín Códax, que se prepara para iniciar a vendima entre o 19 e o 21 de agosto, aínda que a data definitiva dependerá dos últimos controis de maduración. De confirmarse, será o inicio de vendima máis temperán da historia da adega.
"Os datos que estamos a obter nos viñedos permítennos prever unha vendima moi temperá. Respecto a 2025, que xa foi unha campaña excepcionalmente adiantada, este ano volveremos adiantar o inicio entre 5 e 7 días. Se o comparamos coa media dos últimos dez anos, o adianto achégase xa ás tres semanas”, explica Miguel Tubío, director técnico desa adega.
Pola súa banda, a denominación de orixe Monterrei non precisou a data exacta de inicio da vendima, aínda que está ao caer.