Alcoa prevé acadar a produción completa e rendible en San Cibrao a mediados de 2026
A multinacional eloxia o traballo do persoal e admite ineficiencias temporais no rearranque da planta de aluminio
O grupo obtivo un beneficio neto de 232 millóns de dólares no terceiro trimestre, un 158 % máis que hai un ano

O presidente de Alcoa, William Oplinger, destacou que o rearranque da planta de aluminio de San Cibrao, en Cervo, “vai realmente moi ben”.
E asegurou que a compañía nunca dubidou da capacidade dos traballadores en España para xestionar a instalación “de forma excelente”.
Durante a presentación dos resultados do terceiro trimestre de 2025, Oplinger confirmou que Alcoa prevé acadar unha produción completa e rendible a mediados de 2026.
A vicepresidenta executiva e directora financeira, Molly Beerman, explicou que o obxectivo é chegar ao ritmo total de produción a mediados de 2026 e alcanzar a rendibilidade da fundición na segunda metade dese ano.
Con vistas ao cuarto trimestre de 2025, a compañía estima que o rendemento do segmento do aluminio será desfavorable en arredor de 20 millóns de dólares debido ás ineficiencias no reinicio da actividade en San Cibrao e á redución das vendas de enerxía a terceiros.
Estes factores, indicou Alcoa, compensaranse parcialmente polo aumento dos envíos de aluminio.
Beneficio de 200 millóns de euros no terceiro trimestre
Alcoa pechou o terceiro trimestre cun beneficio neto atribuído de 232 millóns de dólares (200 millóns de euros), un incremento do 158% respecto ao mesmo período de 2024.
A empresa sinalou que o aumento dos prezos do aluminio compensou parcialmente o impacto dos maiores custos arancelarios.
As contas entre xullo e setembro inclúen os beneficios pola venda da súa participación en Ma’aden e pola variación favorable do valor de mercado das accións desta empresa, parcialmente compensados por cargos de reestruturación.