Publicador de contidos

Publicador de contidos

O comité de empresa non ve crible o rearranque das cubas anunciado por Alcoa

O comité de empresa non ve crible o rearranque das cubas anunciado por Alcoa

José Antonio Zan ve difícil que o proceso poida estar completado o día 1 de outubro: "Víronse obrigados a arrincar as cubas”

Arquivo / Europa Press Arquivo / Europa Press
G24.gal 15/07/2025 10:35

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao segue dubidando das intencións da compañía despois de que a multinacional anunciase nas últimas horas a súa intención de renovar o rearranque das cubas de electrólise na fábrica de aluminio do complexo industrial mariñán, co obxectivo de que quede completado no ano 2026.

En declaracións aos medios de comunicación, o presidente do comité, José Antonio Zan, lembrou que cando se iniciou o proceso o 1 de abril, a compañía xa tiña difícil completalo o día 1 de outubro, como figuraba no acordo de viabilidade, porque o día 28, cando se produciu o grande apagamento en España, só tiñan arrincadas dúas cubas a maiores das que xa tiñan antes.

“Co cal, se botamos a conta, a dúas cubas por mes, non era crible, dificilmente, que puidesen chegar”, precisou.

"Todo isto fíxose cun escurantismo total”

O presidente do comité opina que agora vai pasar algo parecido, dado que a empresa anuncia o comezo do rearranque pero non di cantas cubas vai arrincar por día nin como vai ser. "É máis, os prazos son máis que longos, porque falan de mediados de 2026, co cal só quedarían seis meses por cumprir coas cubas funcionando”.

A paralización durou dous meses e medio. Co cal, se collemos os tempos que aplica Alcoa, habería que ampliar neses dous meses e medio o 100 % de funcionamento das cubas que estaba pactado a partir do 1 de outubro”, lembrou Zan en relación cos prazos do acordo de viabilidade.

Por outra banda, matizou: “Tampouco sabemos se van chegar ao 100 %, cousa que dubidamos, porque vemos o estado no que se atopa unha das series. Non procuraron desde o inicio tela lista”.

“Haberá que ver se isto o acordaron co Goberno e coa Xunta. Pedir explicacións. Todo isto fíxose cun escurantismo total”, dixo o representante sindical.

Non din que número de cubas van estar funcionando a mediados de 2026, se vai estar funcionando o 100 %, que vai pasar coas empresas exteriores, porque algunha xa ten problemas. O que está claro é que o Goberno e a Xunta non están a defender a industria, non defenden os veciños da Mariña", lamentou.

Ademais, opina: “Está claro que Alcoa só se moveu cando tivo coñecemento de que o comité ía presentar unha denuncia por incumprir a lei coa falsidade dese caso de forza maior, que non pode aplicar, pois é a autoridade laboral a que autoriza esa forza maior, non a compañía. Víronse obrigados a arrincar as cubas”, sostén. 

Segundo o seu criterio: “Facelo unilateralmente, como fixo Alcoa, e encima prolongalo no tempo, era un auténtico incumprimento da lei”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade