Medio Rural duplicará o investimento na xestión da biomasa preto das aldeas
Anuncia a mellora das condicións laborais e a estabilidade do persoal que traballa na loita contra o lume
A consellería do Medio Rural vai duplicar o seu orzamento en 2026 para intensificar os labores de inspección e optimizar a xestión da biomasa nos arredores das aldeas, co fin de mellorar a prevención e a loita contra os incendios forestais.
Avanzouno este sábado en Sober a titular do departamento, María José Gómez, en liña co anunciado polo presidente da Xunta na súa comparecencia parlamentaria tras os incendios forestais de agosto.
Acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e polo alcalde de Sober, Luis Fernández, sinalou que o orzamento de Medio Rural para este fin duplicarase, pasa de 7,75 millóns a un total de 15,5 millóns de euros.
Ademais, dixo que se vai crear un fondo específico adicional, o Fondo de Garantía para a Limpeza de Franxas, dotado inicialmente con 10 millóns, que se nutrirá coa execución da limpeza que a Xunta cobre tras realizar os traballos de forma subsidiaria.
Anunciou un investimento total superior aos 25 millóns de euros que permitirá "seguir consolidando o sistema público que contribúe a manter limpas as leiras próximas aos núcleos de poboación".
Segundo a conselleira, traballarase con tres obxectivos: reforzar as inspeccións e apoiar os municipios de menos de 10.000 habitantes; revisar as parroquias priorizadas e axilizar as execucións subsidiarias no caso de que os propietarios incumpran a obriga de xestionar a biomasa nas súas parcelas.

Outras melloras
Ademais, os orzamentos inclúen melloras nas bases aéreas existentes e a creación de novas, cun investimento de máis de nove millóns de euros. Prevense intervencións en Valga, Lalín, no Campiño (Pontevedra) e Antela (Sandiás).
Tamén melloran as condicións laborais e a estabilidade do persoal da Xunta que traballa en prevención e defensa contra incendios, co aumento a nove meses (un máis que en 2025) da xornada laboral do persoal, o que representa un terzo do servizo.

Infraestruturas rurais
Outra das partidas destacadas do orzamento de Medio Rural para o próximo ano é a relacionada coas infraestruturas rurais, de xeito que se destinarán 17,7 millóns de euros ao plan Camiña Rural para apoiar os municipios nas tarefas de ampliación e mellora dos camiños municipais.
En canto á mobilización de terras, Medio Rural investirá un total de 16,7 millóns de euros -3,7 máis que en 2025-, co obxectivo de completar as 71 abertas e continuar as actuacións nas 29 reestruturacións que están en marcha.
Segundo avanzou Gómez, a provincia de Lugo verase especialmente beneficiada por esta medida, xa que o investimento neste ámbito triplicarase o vindeiro ano, cun total que supera os 4,4 millóns de euros.
Por último, a conselleira destacou unha nova convocatoria de axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da denominación de orixe da Ribeira Sacra, dotada con máis de 1,5 millóns de euros.