Publicador de contidos

Publicador de contidos

As rebaixas fiscais en Galicia para 2026: así serán as deducións

As rebaixas fiscais en Galicia para 2026: así serán as deducións

As familias monoparentais incluiranse como novo colectivo protexido para a adquisición de vivenda. As familias monoparentais incluiranse como novo colectivo protexido para a adquisición de vivenda.
G24.gal 17/10/2025 20:47

O proxecto de orzamentos da Xunta de Galicia para 2026, que o luns chegará ao Parlamento para a súa tramitación, inclúe ata cinco rebaixas fiscais.

Cesión de bens a cambio de coidados

O contrato de vitalicio, unha figura do Dereito Civil galego que regula a cesión de bens a cambio de coidados para toda a vida, terá unha redución á metade do tipo impositivo (do 8 ao 4 %) en transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

No caso do imposto de doazóns, a rebaixa poderá chegar ata máis do 50 %, xa que se equipará este gravame ao establecido para doar a un parente próximo. Ademais, elimínase a tributación da garantía de reintegro, isto é, para a recuperación dos bens se o coidado non se presta nas condicións requiridas.

Iso si, os beneficiarios de todas estas reducións deberán cumprir certos requisitos: ter 65 anos ou máis, unha discapacidade igual ou maior ao 33 %, precisar axudas de terceiros, e non ser usuarios de residencias.

Compra de vivenda

O ano que vén aumentarase o limiar máximo de patrimonio para poder beneficiarse dos tipos bonificados na adquisición de vivenda de segunda man, pasando de 200.000 a 240.000 euros, máis 30.000 euros por persoa da unidade familiar.

Estes límites equipásense tamén para as persoas vítimas de violencia de xénero e restos de colectivos protexidos. O 96.000 das operacións realizadas o ano pasado foron por baixo destes 240.000 euros, destacou Corgos.

Familias monoparentais

As familias monoparentais incluiranse como novo colectivo protexido para a adquisición de vivenda polo que o imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentais que terán que pagar pasa do tipo xeral do 8 % ao 3 %.

No caso de operacións de compra en zonas pouco poboadas, a dedución será do cento por cento. Segundo Corgos, para unha compra de 200.000 euros, o aforro medio das familias monoparentais pode ser de 10.000 euros.

Libros e material escolar

Establécese unha dedución do 15 % na cota autonómica do IRPF para 2026, que terá carácter retroactivo para incluír os gastos da volta ao colexio deste curso escolar, ata un máximo de 105 euros por fillo matriculado.

As persoas beneficiarias deberán ter unha renda per cápita da unidade familiar de ata 30.000 euros e a dedución é incompatible coas bolsas concedidas para estes mesmos gastos.

As axudas por ELA, exentas

As persoas que reciben as axudas para enfermos de ELA terán a dedución do 100 % no tramo autonómico do IRPF, do mesmo xeito que os beneficiarios de axudas polos incendios deste verán en Galicia.

Ademais, elimínase a tributación polas doazóns recibidas destinadas a reparar ou repoñer bens afectados polos incendios, e pola adquisición de inmobles ou vehículos que substitúan aos que resultaron danados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade