Os orzamentos galegos de 2026 aumentan un 12 % o financiamento para os concellos
O Fondo de Cooperación Local chega a 187 millóns de euros
Avanzárono os conselleiros de Facenda e Presidencia tras a xuntanza coa Fegamp
Os orzamentos autonómicos para 2026 reforzan o Fondo de Cooperación Local ata os 187 millóns de euros, un incremento catro veces por riba do que aumentan as contas públicas, E supón un avance dun 12 % respecto á partida deste 2025, que foi de 168 millóns.
O conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, avanzaron estas cifras despois de reunirse con representantes da Fegamp.
Destacaron que o Goberno galego mantén “o esforzo no financiamento das entidades locais”. E puxeron como exemplo a creación “dun fondo adicional con 59 millóns de euros destinado a blindar o financiamento da futura Lei de Administración Local, que se prevé aprobar en 2026”.