Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez: "Non hai ningún indicio que apunte a un suposto financiamento irregular do PSOE"

Sánchez: "Non hai ningún indicio que apunte a un suposto financiamento irregular do PSOE"

O presidente do Goberno recoñece que "nalgunha ocasión" recibiu pagamentos en efectivos, pero conforme á lei

Sánchez abre a porta para enviar tropas españolas para garantir a paz en Gaza e di que se mantén o embargo de armas a Israel

G24.gal 14/10/2025 10:13 Última actualización 14/10/2025 12:55

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, manifestou este martes que "o importante non é se hai pagamentos en efectivo ou non, o importante é que sexan legais".

Sánchez referíase así, nunha entrevista na Cadena Ser, aos pagamentos recollidos no informe da UCO sobre o exministro e exsecretario xeral do PSOE, José Luís Ábalos. Para o xefe do Executivo este informe demostra que non existiu financiamento irregular no PSOE e subliña que os 95.000 euros de fondos de procedencia descoñecida, son das contas de Ábalos, non do Partido Socialista.

"Non hai ningún indicio que apunte a un suposto financiamento irregular do PSOE", asegurou. Defendeu que os pagamentos en efectivo eran "liquidacións de gasto" e que son unha práctica legal e habitual que fan institucións e empresas. 

Acusou ao PP de confundir "diñeiro negro" con diñeiro en efectivo e apunta que quizais ao partido de Alberto Núñez Feijóo lle traizoe "o subconsciente".

"Non era algo habitual pero seguro que nalgunha ocasión tiven ese tipo de liquidacións de gasto", manifestou Sánchez.

O presidente tamén foi contundente en defender a inocencia da súa dona, Begoña Gómez, e do seu irmán David, inmersos en senllos procedementos xudiciais.

"O mellor xuíz é o tempo", sentenciou e mostrou o seu convencemento de que o tempo "poñerá as cousas no seu sitio", de modo que "a verdade sairá adiante" e confirmarase a absoluta inocencia dos seus familiares.

Podemos, o BNG e o sector maioritario de Compromís reclamaron este martes ao PSOE que dea explicacións polos pagos en sobres con diñeiro en metálico a dirixentes do partido e os "descuadres" supostamente detectados pola Unidade Central Operativa da Garda Civil, e advertiron de que existen tamén "responsabilidades políticas" na dirección socialista.

Sánchez abre a porta para enviar tropas españolas para garantir a paz en Gaza

O presidente do Goberno tamén abriu a porta para enviar tropas españolas para garantir a paz en Gaza tras o cesamento do fogo entre Israel e Hamas.

Sánchez ante a posibilidade desa participación de militares españois, sinalou que aínda non está claro como se vai materializar a seguridade en Gaza.

Pero explicou que se houbese unha despregadura internacional de tropas para garantir a paz, España quere estar e ter "presenza activa" non só na faceta da reconstrución de Gaza, senón tamén nesoutro aspecto da seguridade na zona. 

O xefe do Executivo detallou ademais que o embargo de armas a Israel non vai decaer a pesar de que se detiveron as hostilidades contra Palestina porque "estamos ante un cesamento do fogo", e non aínda ante unha paz, que en calquera caso avisou de que non pode quedar "sen impunidade".

"Imos manter este embargo ata que efectivamente todo este proceso se consolide e se encamiñe definitivamente". Con todo, celebrou o acordo de paz que se escenificou este luns en Exipto, afondando en que "a paz non pode significar o esquecemento" e tampouco pode significar "a impunidade", polo que deben seguir os procesos abertos no Tribunal Penal Internacionais para que os "actores principais do xenocidio perpetrado en Gaza" respondan ante a xustiza.

Non comenta se cre xusto o Nobel para María Corina Machado

Ademais Sánchez expresou o seu respecto polo traballo da líder opositora venezolana María Corina Machado, pero evitou comentar se considera xusto ou non que se lle outorgou o Premio Nobel da Paz.

Non houbo ata o de agora unha felicitación de Sánchez por ese galardón, pero sinalou que respecta, "e moito", o labor de Machado, pero que el nunca se pronuncia nin felicita a quen consegue os premios Nobel.

Si expresou o desexo do Goberno de que a situación en Venezuela normalícese e haxa un proceso democrático "rotundo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade