Publicador de contidos

Publicador de contidos

A lei do clima e a que prohibirá vapeadores e bebidas enerxéticas para menores seguen a súa tramitación no Parlamento

A lei do clima e a que prohibirá vapeadores e bebidas enerxéticas para menores seguen a súa tramitación no Parlamento

Os dous proxectos foron criticados pola oposición

O pleno rexeitou, cos votos en contra do PPdeG e a abstención de PSdeG e Grupo Mixto, a emenda á totalidade presentada polo BNG 

O conselleiro de Sanidade defendeu o proxecto de lei que "vai situar Galicia á vangarda, como a primeira comunidade en España que prohibe a venda e consumo de bebidas enerxéticas por parte de menores" e tamén en "equiparar os vapeadores ao tabaco"

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, durante a súa intervención no pleno do Parlamento (EFE/Lavandeira jr) A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, durante a súa intervención no pleno do Parlamento (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 14/10/2025 08:14

O pleno do Parlamento galego decidiu que continúe a tramitación da lei do clima ao rexeitar, cos votos en contra do PPdeG e a abstención de PSdeG e Grupo Mixto, unha emenda á totalidade do BNG coa que buscaba a devolución do texto.

Desta forma, o proxecto proseguirá o seu debate antes de volver ao Pleno para a súa aprobación definitiva, para o que a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, pediu aos grupos que acheguen propostas positivas a pesar de que parece que “non lles apetece contribuír en absolutamente nada”, dixo ao censurar a actitude dos nacionalistas.

Vázquez lembrou que o texto está baseado no “rigor técnico” e elaborado “da man de grandes expertos e da ciencia” para dotar a comunidade das ferramentas, órganos e instrumentos necesarios para garantir a consecución "da neutralidade climática".

A conselleira reivindicou que a Xunta busca que os galegos sexan “os primeiros” en alcanzar o equilibrio entre as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e as absorcións xa no horizonte do ano 2040, dez anos antes do que marca Europa.

Para iso, Galicia pretende reducir en 2030 as emisións netas de gases de efecto invernadoiro (GEI) un 75% en relación con 1990, ano de referencia a nivel mundial para as políticas climáticas.

Así mesmo, o texto contempla entre outras cuestións, incentivos fiscais para empresas que reduzan a súa pegada de carbono, mentres que tamén priorizará esta cuestión na contratación pública.

A conselleira defendeu esta decisión fronte ás propostas do Goberno central ou a Unión Europea que apostan por cargas impositivas ou medidas sancionadoras.

Esta norma regularizará a “contratación pública verde” de forma que nos contratos públicos ou as subvencións darase “un peso específico” aos proxectos que reduzan a pegada de carbono e estableceranse criterios de proximidade en produtos e servizos.

Para avanzar nas metas que se marca a propia lei, prevense tres instrumentos de acción que, indicou a conselleira, son a Estratexia Galega de Cambio Climático, os Plans rexionais integrados de acción climática e os Plans de acción local polo clima, que a lei fixa como obrigatorios para concellos de máis de 20.000 habitantes.

"Optimizar" MeteoGalicia

Así mesmo, a conselleira tamén se referiu a outro dos puntos que recolle a lei para "optimizar" o servizo de MeteoGalicia de forma que a comunidade poida “emitir as súas propias alertas” e espera que así o permita o Goberno central, igual que fixo co País Vasco.

Ademais, reforzaranse as redes de observación e control meteorolóxicas e de calidade do aire, así como tamén os servizos públicos para a xestión dos riscos derivados do cambio climático para dispoñer de máis datos e mellorar a capacidade de previsión e resposta ante fenómenos extremos.

A oposición cre que o texto é "insuficiente"

O parlamentario do BNG Luis Bará ironizou con que a Xunta estea tan molesta con que os nacionalistas pidan a devolución da norma e busquen un “debate xeral necesario sobre unha lei do Goberno. Non se que problema ten isto”.

Bará insistiu en que o texto elaborado polo Executivo é “insuficiente” para encarar os retos derivados do cambio climático, polo que lamentan que aposten por unha “lei pírrica”.

O nacionalista dixo que mesmo a norma que chega á Cámara é unha “fraude de lei porque vostedes deron o cambiazo” e das ideas iniciais "podáronse" a maioría a petición, considerou, da Consellería de Economía e das confederacións de empresarios.

O reto ao que se enfronta Galicia nesta materia requiriría “unha política de altura e ambiciosa que responda a estes desafíos” e que este texto non cumpre, polo que os nacionalistas pediron a súa devolución.

Por parte do PSdeG, Paloma Castro xustificou que o seu grupo non pedise a devolución do texto porque entenden que “si é necesaria unha norma que oriente as políticas públicas cara á neutralidade climática”.

Con todo, os socialistas non dan un “apoio incondicional” a esta lei que, ao seu entender, “presenta ambigüidades e carencias”, polo que no trámite parlamentario o PSdeG optará por unha “actitude propositiva presentando emendas para mellorar o contido”.

A socialista pediu “compromisos reais”, para o que é necesario, subliñou, incluír o concepto de “transición enerxética” que a Xunta obvia. Á parte, insistiu na necesidade de camiñar cara ao uso de enerxías que sexan cento por cento renovables.

Castro denunciou, igualmente, que a proposta supón un retroceso na autonomía municipal mentres se lles dota de máis funcións sen que se incremente o financiamento e pediu cambios respecto diso, dado que non ven adecuado que unha lei non conte con fondos para levar a cabo.

De forma previa ao debate do texto, a nova deputada do BNG Saleta Chao prometeu o seu novo cargo ao que accede en substitución de Daniel Pérez, que deixou o Parlamento ao converterse no novo alcalde de Carballo (A Coruña). 

Prohibición de vapeadores e bebida enerxéticas a menores

Tamén continuará a súa tramitación no Parlamento o proxecto de Lei de protección da saúde de menores e prevención de adiccións, que prohibirá os vapeadores e as bebidas enerxéticas para este grupo de idade. E iso a pesar das críticas da oposición, que cuestionou a súa seguridade xurídica e alertou do seu "enfoque sancionador".

O texto superou o seu debate inicial no pleno, tras resultar rexeitada a emenda á totalidade presentada polo BNG, que pediu a devolución do proxecto para a súa reelaboración, algo ao que o PPdeG votou en contra mentres que o PSdeG e Democracia Ourensá abstivéronse.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, defendeu o proxecto de lei que "vai situar a Galicia á vangarda como a primeira comunidade en España que prohibe a venda, consumo e tenencia de bebidas enerxéticas por parte de menores en lugares públicas" e tamén en "equiparar os vapeadores ao tabaco".

Asegurou que se trata dunha lei "pioneira" e "baseada na evidencia científica", polo que as medidas que recolle "non son arbitrarias", senón que se basean en informes científicos e recomendacións internacionais.

Segundo puxo de manifesto, unha soa lata de bebida enerxética de 250 mililitros "pode conter el equivalente a dos cafés expresos, unha dose que en adolescentes pode provocar taquicardia, nerviosismo, irritabilidade, insomnio e, nos casos máis graves, arritmias".

Ademais, dixo, os cigarros electrónicos conteñen substancia tóxicas que poden causar cancro e os adolescentes que vapean teñen el triplo de probabilidades de empezar a fumar tabaco convencional.

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o de Educación, Román Rodríguez, no Parlamento ( EFE/Lavandeira jr) O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o de Educación, Román Rodríguez, no Parlamento ( EFE/Lavandeira jr)

Por iso, "a nosa intención non é prohibir por prohibir, senón protexer para previr", afirmou Caamaño, quen se mostrou convencido de que esta lei "marcará o camiño a outras administracións" e avanzou que incluirá un "espazo web específico" para facilitar denuncias por parte da poboación sobre entidades, establecementos ou actividades que comentan calquera das infraccións tipificadas.

"Criminaliza" a mocidade

A deputada do BNG Montse Prado considerou que se trata dun texto "tremendamente ambiguo, unha mezcolanza lexislativa" que cre que xera "inseguridade xurídica", pero o que cre que é peor é que se trata dunha lei que "criminaliza" a mocidade sen establecer "medidas reais" para favorecer os seus hábitos saudables.

Tamén criticou o réxime sancionador que inclúe a lei, cun obxectivo "soamente punitivo" e unha "desproporción" nas sancións, xa que calquera menor de idade "por estar na rúa e ter unha bebida enerxética" pode ter que pagar ata 15.000 euros e 120.000 euros se é reincidente, denunciou.

Pola súa banda, a deputada do PSdeG Elena Espinosa cualificou o texto igualmente de "ambiguo e difuso", polo que cre que queda nunha "declaración de intencións salvo nos deberes que se lle encargan aos concellos", algo no que coincidiron o BNG e o único deputado do grupo mixto, Armando Follea (Democracia Ourensá).

En todo caso, os socialistas galegos non presentaron emenda de totalidade porque defende os principios recolleitos na lei e espera que o texto poida ser mellorado no trámite de emendas parciais.

Para a deputada do PPdeG Encarna Amigo, a futura lei non é "retórica", senón "unha ferramenta útil, moderna e necesaria" e o réxime sancionador é "proporcionado e educativo, pensado para previr e non para sancionar", polo que "non criminaliza a mocidade, protéxea e edúcaa".

Caamaño tamén insistiu en que "non pretende criminalizar a mocidade, senón empoderala", a pesar de que BNG e PSdeG coincidiu en que é necesaria unha lei para a protección da saúde dos menores "si, pero non así". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade