Castela e León vai ás urnas este domingo: o PP lidera as enquisas, lonxe da maioría absoluta
A despoboación, a incerteza económica e a sanidade son as principais preocupacións dos castelán leoneses
Castela e León será o escenario das terceiras eleccións autonómicas en menos de tres meses. A diferenza de Estremadura e Aragón, non se trata nesta ocasión duns comicios adiantados, pero ao igual que nos anteriores, as enquisas debuxan unha fragmentación política que fará practicamente imposible gobernar sen pactos.
Castela e León é a comunidade máis extensa de España, o que converte nun reto a xestión dos servizos públicos. Nunha das rexións máis avellentadas e con menor densidade de poboación, a despoboación, a incerteza económica e a sanidade son as principais preocupacións dos castelán leoneses.
Durante a campaña, os partidos debateron sobre como atraer investimento, impulsar o sector agroalimentario e o medio rural, e reter o talento.
Os resultados nesta comunidade autónoma adoitan actuar como termómetro do que acaba pasando nas eleccións xerais. O Partido Socialista afronta unha nova reválida tras os escándalos que asolaron as súas filas durante os últimos meses. Apoiado por Ferraz, o seu candidato leva como alcalde de Soria preto de vinte anos. As eleccións en Castela e León vívense de preto na nosa terra. Comunidade limítrofe con Galicia, nalgunhas zonas incluso se fala galego e a nosa lingua apréndese nos institutos.
As enquisas, encabezadas polo PP, desbotan unha maioría absoluta, situada nos 42 escanos. Tentando entrar nas Cortes de Castela e León, os partidos á esquerda do PSOE, con Sumar e Podemos concorrendo por separado en distintas alianzas.