Publicador de contidos

Publicador de contidos

O prorruso e euroescéptico Rumen Radev gaña as eleccións en Bulgaria

O prorruso e euroescéptico Rumen Radev gaña as eleccións en Bulgaria

Rumen Radev acadou o 44,5 % dos votos, unha maioría ampla e suficiente para gobernar en solitario, segundo o reconto provisional

A formación proeuropea e reformista Bulgaria Democrática quedou en segundo lugar, seguida do conservador GERB do exprimer ministro Borisov

Os ultranacionalistas de Resurrección entran no Parlamento e o Partido Socialista queda fóra do hemiciclo 

Rumen Radev, este domingo en Sofía REUTERS/Stoyan Nenov Rumen Radev, este domingo en Sofía REUTERS/Stoyan Nenov
G24.gal 19/04/2026 20:01 Última actualización 20/04/2026 11:41

O prorruso e euroescéptico Rumen Radev gañou as eleccións lexislativas en Bulgaria con ata o 44,5 % dos votos, unha vitoria clara e suficiente para gobernar en solitario, segundo o reconto do 78 % dos votos.

De confirmarse este resultado tras o escrutinio total, Bulgaria Progresista, a formación de Radev, contará con 131 dos 240 escanos do Parlamento, o cal podería dar lugar a un goberno estable que saque o país do estancamento político dos últimos cinco anos, nos que houbo oito eleccións parlamentarias.

Radev, un antigo xeneral, atraeu un electorado desencantado coa política cunha linguaxe contra a corrupción e contra a carestía no país máis pobre da Unión Europea, que tivo sete primeiros ministros diferentes nos últimos cinco anos.

"Esperabamos gañar, era o normal e natural. Tiñamos grandes esperanzas e grandes expectativas, polo que a responsabilidade é grande", declarou Radev tras coñecer as sondaxes despois do peche dos colexios electorais.

En segundo lugar queda a coalición europeísta de corte liberal Continuemos o Cambio-Bulgaria Democrática (PP-DB). Lograría ata o 13,6 % dos votos, seguida polo partido conservador Cidadáns para o Desenvolvemento Europeo de Bulgaria (GERB), liderado polas tres veces primeiro ministro Boiko Borisov, con arredor do 13,2 % dos votos.

No Parlamento entran tamén o DPS-Novo Comezo, liderado por un empresario sancionado polos EUA e O Reino Unido por corrupción, co 6 % dos votos (16 deputados), e o ultranacionalista e prorruso Resurrección (4,3 %, 13 deputados).

Por primeira vez desde a fin do comunismo en Bulgaria, o Partido Socialista (BSP), herdeiro da formación comunista que dirixiu o país no pasado réxime, non estará representado no hemiciclo ao non superar o limiar do 4 % requirido.

Oito eleccións en cinco anos e sete primeiros ministros distintos

O feito de que Bulgaria Progresista poderá gobernar en solitario debería facilitar unha estabilidade institucional que Bulgaria, o país máis pobre da Unión Europea (UE), non vive desde 2021, cando masivas protesta cidadás contra a corrupción levaron á caída do último goberno de Borisov.

As eleccións de onte son as oitavas en cinco anos, período no que o país tivo sete primeiros ministros distintos.

Radev, que en xaneiro pasado dimitiu da presidencia do país para concorrer nestes comicios, capitalizou o descontento cidadán nun país de 6,5 millóns de habitantes cunha campaña centrada na loita contra a corrupción, a pobreza e contra a oligarquía de políticos e empresarios que, ao seu xuízo, domina o país.

"Bulgaria Progresista gañou de forma decisiva. É unha vitoria da esperanza sobre a desconfianza, da liberdade sobre o medo", declarou a pasada noite tras coñecérense as proxeccións das sondaxes a pé de urna que xa apuntaban á súa clara vitoria aínda que non aínda con maioría absoluta.

Aínda que se presentou como candidato independente nas eleccións presidenciais de 2016, a súa candidatura foi apoiada polos socialistas.

Ademais, mantén vínculos privados e políticos coa actual dirección do partido: o seu líder Krum Zarkov foi un dos seus colaboradores máis próximos, primeiro como ministro interino de Xustiza en gobernos técnicos nomeados por Radev e despois como asesor en asuntos legais na Presidencia. 

Radev defende o achegamento a Rusia pero sen renunciar a Europa

O líder de Bulgaria Progresista defende unha política exterior pragmática e de mutuo respecto con Moscova. Avoga por mellorar as relacións con Rusia, acabar coas sancións e reabrir o fluxo de petróleo e gas ruso cara a Europa.

Tamén critica algunhas políticas da Unión Europea, como o Pacto Verde, e mostrou a súa admiración polo líder ultranacionalista húngaro Viktor Orbán, con quen comparte unha visión ultraconservadora da sociedade.

Malia todo asegura que Bulgaria manterá o seu rumbo europeo e continuará na OTAN. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade