Feijóo propón endurecer os requisitos para que os inmigrantes obteñan a nacionalidade
"A nacionalidade española non se regala, merécese", dixo o líder do PP
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, expuxo este martes endurecer os requisitos para que os inmigrantes accedan á nacionalidade española, elevando "o nivel de esixencia lingüística, cultural e constitucional": "A nacionalidade española non se regala, merécese".
Nun acto en Barcelona, acompañado da vicesecretaria de Coordinación Sectorial, Alma Ezcurra, e do presidente do PP de Cataluña, Alejandro Fernández, Feijóo debullou os dez puntos do plan de inmigración do PP, que busca propiciar unha inmigración "ordenada, legal e humana", ante o actual "descontrol", do que responsabilizou ao Goberno.
Ademais de medidas xa coñecidas como o visado por puntos ou unificar nunha única autoridade as competencias en inmigración, o líder do PP deu a coñecer outras novas, como o endurecemento dos requisitos para obter a nacionalidade, reforzar a presenza de corpos policiais nas fronteiras ou que prestacións sociais como o ingreso mínimo vital estean vinculadas á procura de emprego.
"A nacionalidade española non pode ser un mero trámite administrativo. Debe de ser ante todo un recoñecemento a quen demostrou con feitos a súa vontade de integrarse, de respectar as nosas leis e de contribuír ao país que os acolle", sostivo.
Segundo Feijóo, "ser español non é só vivir en España, é participar dun proxecto común, compartir unha historia, uns valores e un destino, é sentirse parte de algo máis grande que un mesmo".