Publicador de contidos

Publicador de contidos

O orzamento da Xunta para 2026 alcanza os 14.240 millóns, unha suba do 2,1 % centrada en áreas sociais

O orzamento da Xunta para 2026 alcanza os 14.240 millóns, unha suba do 2,1 % centrada en áreas sociais

O presidente da Xunta destaca que o vencemento do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia non vai facer minguar os fondos dispoñibles

As contas públicas recollen cinco baixadas de impostos e un incremento de 300 millóns destinados ás consellerías de Política Social, Sanidade, Educación e Emprego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto ao conselleiro de Facenda, Miguel Corgos (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 17/10/2025 10:52 Última actualización 17/10/2025 14:35

A Xunta aprobou este venres, nunha reunión extraordinaria do Executivo presidido por Alfonso Rueda, o proxecto de orzamentos galegos para o ano que vén, por 14.240 millóns de euros, un 2,1 % máis que os deste ano, o que supón un incremento de 300 millóns de euros que irán destinados integramente a gasto social, segundo salientou Rueda.

Alfonso Rueda, na súa comparecencia tras a xuntanza do seu equipo de goberno, explicou que o orzamento para sanidade será de 1.747 millóns de euros para atención primaria, un 4,7 % máis; pero tamén haberá un incremento do 9 % para I+D+i, ata os 405 millóns de euros.

Estas contas públicas volven esgotar o teito de gasto aprobado en agosto 14.177, que é un 1,6 % superior ao deste ano, e inclúen "cinco novas rebaixas fiscais", como a do imposto de transmisións patrimoniais de 8 % ao 3 % para as familias monoparentais; e para os contratos de vitalicio, a cesión de bens a cambio de coidados para toda a vida que tributan como doazóns.

Rueda sinalou ademais que en 2026 "ábrese un novo escenario" para Galicia pola finalización dos fondos europeos, pero que a Xunta fixo "un esforzo suplementario" para poder substituír esas cantidades con fondos propios, para uns orzamentos que se centran nas áreas "para axudar as persoas". 

A Xunta prevé que o vindeiro ano a economía galega siga medrando e o paro continúe baixando, como destacou o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.

Corgos reivindicou que "tres de cada catro euros" se dirixen a gasto social e que "nunca se dedicaron tantos recursos" a estes ámbitos.

Na área da saúde pública, tanto Rueda como o conselleiro cualificaron o calendario de vacinación de Galicia como "o mellor de España", con 48 millóns de euros, un 18 % máis. Os cribados perciben, segundo Corgos 3 millóns, o que supón unha alza do 11 %.

De acordo con estes datos, a atención primaria recibirá 1.747 millóns de euros, cun incremento do 4,7 % e 80 millóns máis, e haberá por outra banda 17 millóns de euros para o programa de saúde mental.

No apartado de investimentos sanitarios, a Xunta recolle 177 millóns para mellorar a rede hospitalaria e os centros de saúde, coa previsión de "poñer en marcha" o novo Montecelo en Pontevedra e dar un "impulso importante" aos hospitais de Ourense, A Coruña e Santiago, entre outros.   

En política social, o titular de Facenda falou dunha "aposta sen precedentes" con 100 millóns de euros máis, segundo os seus números, para o programa de atención á dependencia, e un incremento do servizo de axuda no fogar en 10 millóns.

O Goberno galego, ademais, dedicará 68 millóns para consolidar as garderías gratuítas, 3 millóns para axudas para comedores e 90 millóns para o transporte escolar, o "máis caro de España" debido á dispersión poboacional.   

En materia de emprego, a Xunta reivindica destinar 40 millóns para "axudas aos autónomos" e confróntao co Goberno central, que "quere subirlles os impostos" a estes traballadores.

Máis aló destas partidas, consideradas de gasto social, na aposta pola vivenda, a Xunta destinará 2 millóns de euros o próximo ano á medida anunciada este xoves por Rueda de adquirir baixos comerciais para convertelos en pisos de alugueiro.

Ademais, incrementará en 7,7 millóns de euros, ata os 18,9 millóns, o programa de axudas de alugueiro de vivenda; e a sociedade para a construción de vivenda pública Vipugal, contará con 40 millóns de euros máis.

As contas públicas do ano que vén recollen ademais 50 millóns de euros en distintas medidas de prevención de incendios forestais, como 25 millóns para a limpeza de franxas, entre eles 10 millóns para un novo Fondo de Garantía de Limpeza que se creará para intensificar o control destas rozas e intervir se os propietarios non limpan.

Outros 17 millóns corresponden á reprogramación dos fondos Restore da UE para recuperar zonas queimadas na onda de incendios deste verán.

En canto ás partidas destinadas aos municipios, o Fondo de Cooperación Local (FCL), o próximo ano chegará aos 187,3 millóns de euros, 19 millóns máis; e Santiago de Compostela recibirá uns 3 millóns de euros para financiar a súa capitalidade.

Os orzamentos da Xunta para 2026 contemplan 71,6 millóns de euros para a promoción de Galicia como destino turístico, coa vista posta xa no próximo Xacobeo de 2027.

Por capítulos orzamentarios, os gastos correntes increméntanse nun 4,2 %, ata chegar aos 11.420 millóns de euros, sobre todo polo capítulo 2 de gastos en bens correntes e servizos, un 4,4 % ata os 2.422 millóns de euros, e o das transferencias correntes, un 6,6 % ata 3.493 millóns.

Os gastos de persoal, incrementaranse un 2,8 % ata os 5.288 millóns de euros, no que xa se inclúe unha "bolsa" para prever o incremento da masa salarial que poida aprobar o Goberno central.

A finalización dos fondos MRR fai que o ano que vén os investimentos se reduzan un 5,3 %, ata os 1.594 millóns de euros (90 millóns menos) e as transferencias de capital, un 6,6 % ata os 1.208 millóns (84,9 menos). 

Estas novas contas entrarán o luns no Parlamento e estarán aprobadas para entrar en vigor o 1 de xaneiro de 2026

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade