Baixa a tensión no Morrazo pola taxa do lixo
Comerciantes e hostaleiros reuniranse cos rexedores de Cangas, Moaña e Bueu
Queren acordar alegacións que lles faciliten asumir a suba das taxas
Hostaleiros, comerciantes e empresarios manterán xuntanzas coa presidenta da mancomunidade do Morrazo e alcaldesa de Cangas. Carmen Pereiro, presidenta de Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, explica que se "abriron á estudar as propostas que fagamos no período de alegacións"
Un achegamento que nas últimas horas xa deixaba unha imaxe máis sosegada. Gustavo Soliño Alfaya, presidente de ARECA (Asociación de restaurantes de Cangas) insistía en que queren "chegar a un entendemento e deixar atrás o que pasou o luns de comportamentos violentos".
Moitos comprenden que se actualicen as taxas, pero din que en moitos casos as subas son excesivas. Fara Outeda, responsable dun pub en Cangas, detalla que ten claro que "ten que haber unha suba, pero lóxica, non un sabrazo".
Teñen unha reunión o luns coa alcaldesa e outras a nivel comarcal. Insisten en que a lexislación os obriga a repercutir o custo do servizo nos usuarios. Araceli Gestido, alcaldesa de Cangas e presidenta da Mancomunidade do Morrazo, destaca como unha das mensaxes máis importantes: "Se a taxa de Sogama baixa, nós baixaremos a taxa".
Mentres, os empresarios apostan por buscar ideas que baixen o gasto dos negocios, como sinala Jesús Álvarez, responsable do hotel Hollywood en Cangas "outros beneficios municipais por outra vía, ou facilidades dalgunha maneira".
Dende a mancomunidade do Morrazo insisten na necesidade de reciclar e potenciar a compostaxe para reducir os custos e aseguran que farán todas as reunións precisas.