A suba das taxas do lixo no Morrazo provoca as protestas dos comerciantes
Máis dun milleiro de manifestantes cortan o tráfico e intentan entrar á forza no consistorio
Máis dun milleiro de persoas de todo o Morrazo concentráronse este luns no concello de Cangas para protestar pola subida das taxas do lixo que se debatía no pleno da Mancomunidade.
A manifestación bloqueou o tráfico nos arredores do consistorio e os participantes mesmo intentaron entrar no edificio do concello mentres se debatía a medida.
Un cordón formado por seis axentes da Policía Local e nove da Garda Civil impediulles a entrada polo que no interior só había unhas 70 persoas.
A protesta estivo liderada polos comerciantes da comarca. Consideran que a subida da tarifa é desproporcionada e cualifícana de "atraco".
Os comerciantes montaron unha cacerolada no exterior do edificio e despregaron pancartas aos berros de "dimisión".
Despois de dúas horas de debate aprobouse a suba cos votos o BNG, PSOE e EU. Votaron en contra o PP, AV e o concelleiro non adscrito de Bueu. O concelleiro socialista de Moaña abstívose.
Carmen Pereiro, presidenta de FECIMO (Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo) explica a repercusión da suba das taxas no seu propio caso: "O pequeno comercio, como o meu, pasa de 87 euros a 200, pero noutros sectores o incremento é máis alto sobre todo na hostalería, hostais, casas de hóspedes".
Hai establecementos que pagan cotas fixas e outras variables. É o caso de Francisco Graña, xerente dun hotel, que fai contas: "Por 30 prazas estábamos pagando 300 euros e agora por 30 prazas págase 1.800 euros, unha suba de case o 500 %".
As distintas asociacións e profesionais botan en falta máis negociación e xa estudan presentar alegacións e mesmo tomar medidas xurídicas. Gustavo Soliño, presidente de Areca (Asociación de restauradores de Cangas) destaca que tamén no seu sector: "a un restaurante de pagar entre 400 e 500 euros pode subirlle a mil e pico ou dous mil euros".
A alcaldesa de Moaña, Leticia Costas, nas súas redes, rexeitaba a violencia vivida na xornada deste luns: "A violencia nunca está xustificada. Que unha familia teña que pagar se ten recursos (se non os ten xa non paga nada) 10,50 euros ao mes de máximo para que te recollan o lixo na porta da casa, ou se es un pequeno comercio, que podes ter bonificacións, como máximo pagues 200 euros ao ano que son 17 euros ao mes, que se arme todo o que se está armando aquí, non ten ningún sentido".
Os alcaldes explicaron que non hai volta atrás, xa que para garantir o servizo de recollida do lixo é preciso cambiar as taxas.