A Xunta vai incrementar ata os 48 millóns o orzamento en vacinación para 2026
O conselleiro de Sanidade anuncia 7,5 millóns de euros máis para aumentar as coberturas da poboación adulta
A Xunta incrementará ata os 48,2 millóns de euros o orzamento en vacinación en 2026, o que supón unha suba do 17%. Anunciouno este sábado en Santiago, na XXVI Xornada Central de Formación en Vacinas, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
Segundo dixo, esta suba permitirá que a Xunta reforce, sobre todo, a protección dun dos grupos máis vulnerables, o das persoas maiores, mediante distintas estratexias que se van desenvolver para incrementar as coberturas de vacinación en adultos.
Con 7,5 millóns máis que en 2025, de acordo co conselleiro, Galicia seguirá mantendo a súa posición de vangarda, co calendario de inmunización ao longo de toda a vida máis completo do Estado, recoñecido tamén a nivel internacional.
O responsable de sanidade lembrou que en setembro comezou a campaña de vacinación contra a gripe e a covid, que inclúe, entre outras novidades, a ampliación da vacinación contra a gripe na poboación infantil ata os 11 anos.
Do mesmo xeito, pon en marcha un proxecto piloto de vacinación coa fórmula intranasal en centros escolares, dirixido a nenos e nenas de entre 2 e 11 anos.
En total, participan 55 colexios de toda a comunidade e segundo o conselleiro está a ter unha boa acollida porque, ata o momento, inmunizouse máis do 50% do alumnado convocado.
