Corgos salienta as rebaixas fiscais que prevén os orzamentos para afrontar a inflación
O conselleiro de Facenda entregoulle ao presidente do Parlamento o proxecto de orzamentos, que ascende a 15.158 millóns de euros de gasto non financeiro, un 6,4 % máis que as contas en vigor
A Consellería que máis incrementa o seu peso é a de Política Social, cuxo orzamento aumenta en 144 millóns de euros
O Parlamento data o 15 de decembro o pleno definitivo para os orzamentos de 2027
O conselleiro de Facenda e Función Pública, Miguel Corgos, defendeu este luns as rebaixas fiscais que a Xunta prevé aplicar a partir do 1 de xaneiro e destacou que a inflación é "o principal risco" que pode ameazar a conxuntura económica o ano que vén, aínda que ve marxe nas contas públicas para afrontala.
Corgos compareceu ante a prensa tras entregar o proxecto de orzamentos ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que ascende a 15.158 millóns de euros de gasto non financeiro, un 6,4 % máis que as contas en vigor.
Segundo o conselleiro, da escalada de prezos dependerá o que pase o próximo ano e, aínda que se mostrou convencido de que evolucionará á baixa, asegurou que "a boa noticia" é que as contas de Galicia son "solventes", polo que "hai marxe de manobra para tomar novas medidas se fose necesario".
De feito, segundo afirmou, as rebaixas fiscais e outras medidas previstas no proxecto de lei de orzamentos e no de medidas fiscais que o acompañan xa prevén afrontar esta carestía da vida.
As catro novas rebaixas fiscais aprobadas para familias e empresas acumúlanse ás xa aprobadas outros anos e elevarán ata os 814 millóns de euros o diñeiro que a Xunta deixará de recadar por este mecanismo.
E é que a Xunta "non quere facer caixa coa inflación", asegurou o conselleiro, que sinalou que a rebaixa dun cuarto de punto aos primeiros catro tramos que tributan polo IRPF -ata 60.000 euros- equivalen a unha deflactación teórica deste imposto do 3,2 %.
Segundo Corgos, esta política é factible grazas a que a Xunta crecerá en 2027 por sétimo ano de modo sostido e as contas están saneadas, polo que Galicia é unha comunidade solvente.
A previsión é que Galicia peche o ano 2026 cun crecemento do 2,3 %, catro décimas máis que o previsto, e cunha taxa de paro do 8 %.
Para o próximo ano, ademais, o crecemento estimado pola Xunta da economía galega será do 1,9 %, aínda que diversos organismos prevexan que pode ser superior; dixo Corgos, que celebrou que a taxa de paro caerá a 7,7 % segundo as súas previsións, "case mínimos históricos".
O conselleiro insistiu na benevolencia das cifras macro contidas no proxecto de orzamentos, que "por cuarto ano consecutivo" non recorrerán a nova débeda.
De todos os xeitos, a ratio débeda sobre PIB finalizará este ano no 13,1 % "catro anos antes do previsto", polo que nesa data, en 2030, "a extrapolación" sería que a cociente fose do 10 %.
Política Social crece un 10 % e leva o groso do incremento por Consellerías, Medio Ambiente queda no 0,5 %
O proxecto presentado este luns no Parlamento desagrega o gasto por Consellerías, non unicamente por áreas funcionais -con partidas en varios departamentos-, que establece o aumento respecto ao ano anterior en 877 millóns de euros.
Deste aumento, a Consellería que máis incrementa o seu peso é a de Política Social, cuxo orzamento aumenta en 144 millóns de euros, ata os 1.535 millóns de euros, o que supón un 10,4 % máis, o departamento que máis crece e moi por encima da media, que é do 6,4 %.
De feito, alén de Política Social, as tres únicas Consellerías que igualan ou superan o crecemento medio das contas públicas son os departamentos de Educación; que crecen un 7,5 % ata os 3.314,9 millóns de euros, 229,9 máis e Sanidade, que crece o mesmo que os orzamentos, un 6,4 %, ata os 6.031 millóns de euros, 360 máis que en 2027; e a de Cultura.
O departamento que dirixe José López Campos aumenta o seu orzamento unha décima máis que a media, o 6,5 %, ata os 159,7 millóns de euros, 9,7 millóns máis.
A pesar do aumento nesta área, Corgos dixo que non dispón da cifra concreta do orzamento para o Xacobeo 2027, unha das apostas do Goberno galego para o próximo ano.
En calquera caso, mostrou a súa confianza en que a celebración deste evento cultural achegue un plus ao crecemento da economía galega, que cifrou nunha ou dúas décimas en edicións anteriores.
O resto de Consellerías crecen por baixo da media, nalgúns casos moi por baixo, como o departamento de Medio Ambiente, que unicamente elevará o seu orzamento en 0,8 millóns de euros, ata os 168,5 millóns, apenas un 0,5 % máis que este ano.
O Parlamento data o 15 de decembro o pleno definitivo para os orzamentos de 2027
Os diferentes grupos parlamentarios acordaron este luns o calendario de tramitación dos proxectos de lei orzamentos xerais de Galicia para 2027, que iniciarán a súa tramitación formal este xoves 22 de outubro e estenderanse ata a súa aprobación definitiva o 15 de decembro.
As diferentes consellerías, órganos estatutarios e deputacións comparecerán en comisión terceira para presentar as diferentes partidas entre o 22 de outubro e o 2 de novembro, segundo o acordado este luns na xunta de portavoces.
As contas de 2027 debateranse posteriormente na reunión plenaria prevista para o próximo 16 de novembro, tras esgotarse o prazo para as emendas á totalidade o xoves 5 de novembro.
Será entón o momento no que os grupos busquen acordos para emendas parciais de cara ao pleno do 15 de decembro, no que está programado debater a aprobación definitiva dos orzamentos, que entrarían en vigor o 1 de xaneiro de 2027.
Preguntado polos medios sobre a coincidencia da tramitación dos orzamentos e a campaña electoral das eleccións xerais, o portavoz do PPdeG, Alberto Pazos, indicou que os grupos están a negociar unha redución do número de reunións de comisións parlamentarias e a posibilidade de evitar a súa celebración durante ese período.
No entanto, sinalou que o pleno dos orzamentos é "inamovible", aínda que se estudan alternativas para compatibilizar a actividade ordinaria coa campaña electoral.