Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno ve garantida a produción en Alcoa a pesar de non cumprir co rearranque

O Goberno ve garantida a produción en Alcoa a pesar de non cumprir co rearranque

A Xunta urxe explicacións do Goberno para evitar incerteza no sector

Os sindicatos cren que as advertencias de Alcoa sobre o posible incumprimento do calendario previsto son "unha escusa"

Factoría de Alcoa en San Cibrao (Cervo). Efe-Arquivo.
G24.gal 15/05/2025 14:54

O Goberno confía en que Alcoa cumprirá o seu compromiso de volver a producir na planta de San Cibrao o próximo outono. A empresa trasladoulles aos traballadores que o apagamento do 28 de abril lle impide seguir co calendario de arranque das cubas.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, considerou que a produción industrial en Alcoa en San Cibrao está "garantida" a pesar de que onte a empresa comunicou que, como consecuencia do apagamento xeral que afectou a España e Portugal o pasado 28 de abril, "non vai poder cumprir cos compromisos de rearranque" da fábrica de aluminio "asinados no acordo de viabilidade".

A empresa precisou que "como consecuencia do apagamento", nin sequera pode asegurar que "exista entre o 1 de outubro de 2025 -data fixada para o rearranque das cubas no acordo- e o 31 de decembro de 2026, unha produción mínima do 75 % da capacidade total da planta".

Alcoa atribúe a causas de forza maior o incumprimento do compromiso asinado no plan de viabilidade. O apagamento deixou inoperativas 27 das 41 cubas xa acesas, un contratempo que, di, non puido prever. Os sindicatos falan de escusa.

"Cada vez que hai algún tipo de vicisitude, eles aproveitan pare tentar meter presión. Nós evidentemente non imos renunciar a que Alcoa siga estando en Galicia", di Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO de Galicia.

Pero Alcoa pon condicións. Esixe que se coñezan as causas que provocaron o apagamento e que se detallen as medidas que poidan evitar que a situación se volva repetir no futuro. O Goberno admite que está en conversas con Alcoa, pero evita falar de chantaxe.

"Alcoa falou e está a falar co ministerio do que está pasando. E creo que habendo unha colaboración como está habendo a tres bandas, Xunta, Goberno de España e empresa e sindicatos, creo que este é o momento de dar un voto de confianza", asegura Pedro Blanco, delegado do Goberno en Galicia.

A industria electrointensiva está entre as máis prexudicadas polo apagamento. A Xunta urxe explicacións do Goberno para evitar incerteza no sector.

"Sen entrar no posible cumprimento ou incumprimento, o que creo é que é suficientemente relevante o que aconteceu para que Alcoa reclama explicacións, do mesmo xeito que están facendo outras empresas de carácter electrointensivo", di José González, conselleiro de Emprego.

O acordo con Alcoa establece que a planta de San Cibrao deberá estará operativa o próximo mes de outubro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade