Publicador de contidos

Publicador de contidos

O IPC escala ata o 3 % en setembro, unha décima máis do esperado, pola luz e gasolinas

O IPC escala ata o 3 % en setembro, unha décima máis do esperado, pola luz e gasolinas

A inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) mantívose en setembro no 2,4 %, unha décima por encima do dato avanzado polo INE a finais do mes pasado

O IPC en Galicia sobe catro décimas en setembro, ao 2,9 %, e os alimentos ao 2,4 %

G24.gal 15/10/2025 08:53 Última actualización 15/10/2025 09:35

O índice de prezos de consumo elevou tres décimas a súa taxa interanual en setembro, ata o 3 %, o seu nivel máis alto desde o pasado mes de febreiro e unha décima por encima do avanzado polo Instituto Nacional de Estatística a finais do mes pasado, que previra unha taxa do 2,9 %, segundo os datos definitivos publicados este mércores polo organismo.

A subida do IPC interanual no noveno mes do ano supón retomar os ascensos despois da estabilidade que mostrou a inflación en agosto respecto a xullo (2,7% en ambos os meses). "Esta evolución da inflación interanual explícase principalmente por efectos base en carburantes e, en menor medida, electricidade", destacou o Ministerio de Economía, Comercio e Empresa.

En concreto, o INE informou de que o grupo de transporte elevou en setembro a súa taxa anual un punto, ata o 2,2 %, debido a que a baixada dos prezos dos carburantes e lubricantes para vehículos persoais foi menor que en setembro de 2024. En sentido contrario, destacou o descenso dos prezos no transporte aéreo de pasaxeiros, superior ao rexistrado no mesmo mes do ano anterior. Pola súa banda, o grupo de vivenda incrementou a súa taxa interanual 1,1 puntos, ata o 7,1 %, pola caída dos prezos da electricidade, menor á de setembro do ano pasado.

A subxacente mantense no 2,4 %

A inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) mantívose en setembro no 2,4 %, unha décima por encima do dato avanzado polo INE a finais do mes pasado. Economía subliñou que esta porcentaxe segue "na senda de moderación cara ao obxectivo do Banco Central Europeo", do 2 %.

O Departamento que dirixe Carlos Corpo destacou ademais que a inflación dos alimentos e bebidas non alcohólicas estabilizouse no 2,4 % en setembro, destacando a caída interanual do prezo do aceite de oliva nun 34,5 %. En termos mensuais (setembro sobre agosto), o IPC baixou un 0,3 % tras reducirse o prezo dos paquetes turísticos e do transporte aéreo de pasaxeiros e aumentar os do vestido e calzado polo inicio da tempada outono-inverno.

O IPC en Galicia sobe catro décimas en setembro, ao 2,9 %, e os alimentos ao 2,4 %

O índice de prezos ao consumo de setembro en Galicia repuntou ata o 2,9 % en termos interanuais, catro décimas máis que o dato de agosto, mentres que a inflación dos alimentos aumentou tres décimas, ata o 2,4 %. Galicia foi a duodécima comunidade con maior inflación o mes pasado e situouse unha décima por baixo da media estatal (3 %), mentres que o prezo dos alimentos foi igual ao do conxunto do país (2,7 %), segundo os datos publicados este mércores polo Instituto Nacional de Estatística. En variación mensual, os prezos baixaron un 0,4 % en Galicia, mentres que no que vai de ano a taxa de inflación foi do 1,3 %.

Todos os grupos rexistraron taxas de inflación positivas en setembro en termos interanuais na comunidade galega. O que máis subiu foi a vivenda, cunha taxa do 6,6 % -oito décimas máis que o mes anterior-, e tamén se encareceron aínda máis que en agosto os hoteis, cafés e restaurantes (4,7 %, tres décimas máis); o transporte (2,2 %, 1,2 puntos porcentuais máis), e o lecer e cultura (1 %, catro décimas máis). Pola contra, moderouse o encarecemento das bebidas alcohólicas e o tabaco (3,8 %, dúas décimas menos), do ensino (2,3 %, dúas décimas menos), da medicina (2,1 %, cinco décimas menos), do vestido e calzado (1,3 %, unha décima menos) e do enxoval (0,2 %, seis décimas menos). 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade