Publicador de contidos

Publicador de contidos

Firmado o convenio colectivo de Navantia ata 2029 con melloras salariais e de condicións laborais

Firmado o convenio colectivo de Navantia ata 2029 con melloras salariais e de condicións laborais

"Sen o apoio dos traballadores non sería posible sacalo adiante", destacaba o presidente do comité en Ferrol 

O convenio, que fora ratificado polo persoal o pasado mes de outubro contempla unha subida salarial progresiva e introduce melloras "substanciais"en diversas materias e condicións laborais

Imaxe da comisión negociadora tras a firma do convenio-Navantia Imaxe da comisión negociadora tras a firma do convenio-Navantia
G24.gal 16/12/2025 18:48

A comisión negociadora formada polo comité intercentros de Navantia e a dirección da empresa asinou o convenio colectivo 2022-2029, que foi ratificado polo persoal o pasado mes de outubro.

O convenio contempla unha subida salarial progresiva, con incrementos anuais superiores ao IPC, e introduce melloras "substanciais" en materias como clasificación profesional, condicións de traballo e mecanismos de rexuvenecemento de persoal, co obxectivo de acompañar o crecemento da compañía e reforzar a súa competitividade nos sectores de defensa, construción naval e enerxías verdes.

"Hoxe estamos de parabéns. Asinamos o convenio colectivo ata 2029, un convenio moi traballado polo que quero dar os parabéns a toda a comisión negociadora. Tamén é un convenio moi necesario, que responde aos desafíos que temos por diante, con gran carga de traballo en todas as zonas xeográficas e a necesidade de atraer e reter talento. Hoxe é un día de satisfacción para todos", declarou o presidente de Navantia, Ricardo Domínguez.

Na mesma liña, a presidenta do comité intercentros, Cristina García Baena, subliñou os beneficios deste acordo para os persoais. "Agora tócanos poñernos ao choio para executar todos estes procesos salariais e todos estes fitos económicos que van marcar este novo camiño", dixo.

"Imos facelo traballando conxuntamente da man da dirección. Estou convencida de que vai ser un magnífico comezo de ano para todos os compañeiros e compañeiras e que vai ser un grandísimo convenio", concluíu García Baena.

CCOO VE "MAGNÍFICO" O CONVENIO

CCOO de Industria, que cualificou de "magnífico" o convenio asinado, volveu a insistir na importancia de empezar a negociar de "maneira urxente" un plan industrial que atenda as necesidades de cada un dos centros e que acometa os necesarios investimentos nas instalacións.

O sindicato tamén reclamou ao grupo de construción naval acordar un plan de emprego que contemple as necesarias incorporacións para atender a carga de traballo que está comprometida e a que está por chegar.

COMITÉ DE FERROL

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Carlos Díaz (MAIS), subliñou que a firma do convenio pon fin a un longo proceso negociador e reclamou a aplicación inmediata das medidas recollidas no acordo.

"Por fin asínase o convenio colectivo, despois de tres anos de intensas e duras negociacións e dous meses despois de que os traballadores e traballadoras avalasen os textos definitivos", sinalou.

Díaz instou a dirección para axilizar aspectos clave como o plan de saídas, que permitirá a xubilación anticipada de 104 traballadores con 61 anos feitos antes de final de mes, así como a publicación das novas táboas salariais, os sistemas de promoción profesional e a eliminación dos niveis de entrada para os novos ingresos.

O representante sindical cualificou o acordo como "un gran día", aínda que advertiu de que "queda moito traballo por diante", tanto para desenvolver o contido do convenio como para abordar a negociación do plan estratéxico da compañía.

Neste sentido, defendeu que, xunto ao convenio, son fundamentais as políticas de emprego, investimento e garantía de carga de traballo en todos os centros.

Finalmente, Díaz destacou o papel do persoal, especialmente na ría de Ferrol, e a súa capacidade de mobilización durante o proceso negociador. "Sen o apoio dos traballadores, non sería posible sacar adiante este convenio", concluíu

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade