Publicador de contidos

Publicador de contidos

Folga no comercio de alimentación da Coruña, cun seguimento do 85 %, segundo os sindicatos

Folga no comercio de alimentación da Coruña, cun seguimento do 85 %, segundo os sindicatos

É a primeira xornada de folga, á que estaban convocados 4.000 empregados. Os representantes sindicais advirten de que, se as negociacións do convenio non avanzan, convocarán novas mobilizacións nas próximas semanas.

Moitos establecementos permaneceron pechados este venres ante a sorpresa dos clientes 

TVG
G24.gal 29/05/2026 15:55

A xornada de folga deste venres nos comercios de alimentación da provincia da Coruña tivo un seguemento masivo, segundo os sindicatos.

Din que o 85 por cento do persoal secundou o paro ao que estaban chamados 4.000 traballadores, os afectados polo convenio provincial, que se está negociando. Piden mellores condicións laborais e unha revisión dos salarios: denuncian que apenas superan o mínimo.

Foi a primeira xornada de folga, pero os sindicatos advirten de que, se as negociacións do convenio seguen sen avances, convocarán novas mobilizacións nas próximas semanas.

Mobilizacións na Coruña, Ferrol e Santiago

'Comercio de alimentación en loita. Por un convenio digno' foi a pancarta que portaban os traballadores en folga no contexto dunhas protestas con concentracións na Coruña, Ferrol, Santiago e tamén en localidades como Ribeira.

"Nas plataformas de distribución non entraron nin a traballar e nas tendas están con algunha caixa", aseguraron desde os sindicatos convocantes sobre a situación que se viviu este venres no marco desta folga.

"Esiximos condicións laborais e dignas para un sector moi feminizado e con moita xornada parcial", sentenciaron para avanzar que seguirán con folgas se non hai cambios por parte da patronal.

Meses de negociacións e con salarios que apenas superan o SMI, din os sindicatos

As organizacións sindicais CC.OO., CIG, UXT e USO convocaron esta folga. Unha protesta que chega tras meses de negociación "sen interese da patronal", sosteñen, en mellorar as condicións laborais e salariais das miles de persoas traballadoras afectadas polo convenio.

Entre outras cuestións, denuncian "inmobilismo" por parte da representación empresarial, a quen acusa de "negarse a asumir propostas que permitan recuperar poder adquisitivo, avanzar na conciliación ou mellorar unhas condicións laborais cada vez máis deterioradas nun sector esencial".

Entre as demandas, aluden a unha subida salarial dun 10 % para 2026, 4,5 % para 2027 e 4 % para 2028, "en todos os casos con cláusula de revisión salarial atendendo ao IPC real". Neste sentido, denunciaron que este sector "arrastra unha perda continuada de poder adquisitivo e que os salarios apenas superan o SMI (salario mínimo interprofesional)".

Xunto a isto, reclaman avances nas condicións laborais con redución de xornada, avances na cobranza das baixas por IT, plus de antigüidade ou de domingos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade