A inflación mantense no 3,2 % e a subxacente sobe ata o 3 %
Os combustibles dispáranse un 48,8 % respecto ao mesmo mes do ano pasado
Os ovos encaraceron un 13,7 % e os legumes e hortalizas seguen entre os alimentos que máis subiron de prezo durante o mes de maio
Varias persoas compran nun mercado de alimentos/Eduardo Parra-Europa Press-Archivo
O Instituto Nacional de Estatística (INE) confirmou este venres que a inflación de maio se mantivo no 3,2 % interanual, a mesma taxa avanzada hai dúas semanas. Pola súa banda, a inflación subxacente, que non inclúe nin enerxía nin alimentos frescos, aumentou dúas décimas respecto de abril e situouse no 3 %.
Entre os produtos que máis encareceron destacan os combustibles líquidos, cun incremento do 48,8 % en comparación co mesmo mes do ano pasado. Tamén rexistraron fortes subas o transporte aéreo de pasaxeiros (+25,5 %) e o transporte combinado (+26,6 %).
Os alimentos seguen encarecendo
No ámbito da alimentación, os maiores aumentos do prezo corresponderon aos legumes frescos, cunha subida do 16,3 %; ás hortalizas, cun 15,2 %; aos ovos, que encareceron un 13,7 %, e á carne de vacún, cun incremento do 12,3 %.
Segundo o INE, a evolución dos prezos produciuse nun contexto marcado pola volatilidade dos mercados enerxéticos e pola incerteza internacional. O encarecemento dos paquetes turísticos e do transporte aéreo contribuíu a manter a presión inflacionista, aínda que se viu compensado pola baixada dos prezos da roupa e dalgús produtos alimentarios.
No extremo contrario, as maiores caídas rexistráronas as froitas tropicais (-18,2 %), o butano e o propano (-15,4 %) e o gas natural (-9,7 %).
Galicia, por riba da media estatal
A inflación situouse en maio no 3,5 % en Galicia, tres décimas por enriba da media estatal e a terceira taxa máis elevada entre as comunidades autónomas, só por detrás das rexistradas en Madrid e Cantabria.
Segundo os datos do INE, os prezos subiron unha décima respecto de abril na comunidade galega, onde a maior inflación corresponde ao grupo dos transportes (+7,5 %), seguido dos seguros e servizos financieiros (+5 %) e dos restaurantes e servizos do aloxamento (+4,9 %).
En comparación co mes anterior, os maiores incrementos rexistráronse nas bebidas alcohólicas e tabaco (+0,6 %) e nos mobles, artigos do fogar e mantemento da vivenda, así como nos restaurantes e servizos de aloxamento, todos eles cunha subida do 0,5 %.
En termos mensuais, os prezos aumentaron un 0,1 % respecto de abril. O transporte aéreo (+17,1 %) e ouras froitas frescas (+11,9 %) protgonizaron os maiores incrementos, mentres que as hortalizas (-14,4 %) e os legumes (-13,4 %) lideraron os descensos.