Publicador de contidos

Publicador de contidos

A UE permitirá que se cobre pola maleta, pero esixirá maior transparencia nos prezos

A UE permitirá que se cobre pola maleta, pero esixirá maior transparencia nos prezos

Figuran novas obrigacións para as compañías aéreas, desde ser transparentes e incluír o custo dunha maleta de man no prezo do billete básico ata informar aos pasaxeiros dos seus dereitos e de como exercelos en caso de cancelación ou atraso

As aeroliñas non poderán cobrar polo asento dos menores de 14 anos que viaxen cun adulto acompañante e tampouco impedir o embarque dun pasaxeiro nun voo de volta unicamente por non tomar o voo de ida

Alejandro Martínez Vélez / Europa Press Alejandro Martínez Vélez / Europa Press
G24.gal 16/06/2026 07:47

O Parlamento Europeo validou este luns o acordo na normativa de dereitos dos pasaxeiros aéreos que mantén o actual dereito a recibir compensación cando un voo se atrase máis de tres horas e esixe ás aeroliñas maior transparencia no prezo dos billetes e mellor información nos casos en que o pasaxeiro teña dereito a indemnización.

Os eurodeputados deron luz verde á revisión das normas sobre dereitos de pasaxeiros aéreos, pendente desde hai máis dunha década. Entre os principais cambios respecto do statu quo, figuran novas obrigacións para as compañías aéreas, desde ser transparentes e incluír o custo dunha maleta de man no prezo do billete básico ata informar aos pasaxeiros dos seus dereitos e de como exercelos en caso de cancelación ou atraso nun prazo de 96 horas desde o final da súa viaxe.

"Esperemos que isto faga que aumente moitísimo o número de persoas que reclama os seus dereitos e, por tanto, que os poidan exercer", dixo a EFE o eurodeputado de Compromís Vicent Marzà, que formou parte do equipo negociador do Parlamento Europeo.

Respecto á maleta de man, as aeroliñas terán que incluír o seu custo no prezo de partida que ofrecen os motores de procura para que os prezos polo traxecto sexan comparables entre si, aínda que logo o consumidor poida acceder a un prezo inferior no caso de non querer levar ese vulto.

Ademais, as aeroliñas non poderán cobrar polo asento dos menores de 14 anos que viaxen cun adulto acompañante e tampouco impedir o embarque dun pasaxeiro nun voo de volta unicamente por non tomar o voo de ida

Doutra banda, o acordo mantén o actual dereito a recibir unha compensación cando o voo se atrase máis de tres horas cunha cantidade para reembolsar entre os 250 e os 600 euros, en función da distancia, en contra do criterio inicial dos países da UE, que apostaban por ampliar ata as 4 horas o tempo de atraso e reducir as cantidades reembolsadas.

"Evitamos retrocesos, que é o que querían o Consello e algunhas aeroliñas que fixeron moitísima presión para que os dereitos foran cara atrás e non cara adiante. O Consello, pola presión das aeroliñas, tróuxonos un texto que o que facía era retroceder en dereitos (...) e negámonos", dixo Marzà.

"Querían que as folgas dentro dunha propia compañía non fosen responsabilidade da compañía, ou que o mantemento das aeronaves non fose unha responsabilidade da compañía. Por tanto, se había un fallo na aeronave, eles non tiñan que indemnizar. Isto foi a posición de inicio do Consello e das aeroliñas que conseguimos reverter", engadiu o deputado de Compromís. Nun comunicado, o ministro de Transporte de Chipre, Alexis Vafeades, cuxo país ocupa a presidencia semestral do Consello, dixo que o acordo dará certeza e protección a millóns de pasaxeiros aéreos europeos e supón tamén un equilibrio xusto para as aeroliñas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade