Os ovos e a tenreira rebentan a cesta da compra en 2025
Os prezo dos ovos disparouse un 31 % e a carne de vacún, un 17,2, segundo o INE
O aceite de oliva foi o alimento que máis abaratou, un 31,6 %
A inflación en Galicia pecha 2025 no 2,6 % e a dos alimentos no 3,2 %
Persoa collendo ovos nun supermercado, alimento dos máis inflacionistas nos últimos meses (EFE)
Os ovos e a carne de vacún son os alimentos que máis encareceron en 2025 ao pechar decembro con subidas anuais do 31,3 % e un 17,2 %, respectivamente, segundo o Índice de Prezos de Consumo (IPC) publicado este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
Os prezos dos alimentos e das bebidas non alcohólicas subiron un 3 % en decembro respecto ao peche de 2024.
Pola contra, o aceite de oliva foi o alimento que máis se abaratou en 2025, cunha baixada do 31,6 % anual, segundo os datos do INE.
O índice xeral do IPC subiu un 2,9 % en 2025, o que supón unha moderación da inflación dunha décima, mentres que a inflación dos alimentos aumentou dúas décimas o ano pasado polo encarecemento dos legumes e dos aceites.
A cesta da compra, a exame
Os ovos son o produto da cesta da compra que máis subiu en decembro en taxa interanual, un 31,3 %; tras un outono marcado a nivel sectorial pola gripe aviaria en España.
Destacan tamén as subidas de prezos da carne de vacún (17,2 %); do café (16,3 %); do chocolate (12,7 %); e do cacao e chocolate en po (12 %).
O grupo do café, do cacao e das infusións experimentou unha subida do 13,9 %.
Outras repuntas destacables son a da carne de ovino e caprino (7,4 %); a dos legumes e hortalizas frescas (7,3 % e a dos froitos secos (7 %).
Xunto ao aceite de oliva, que reduciu o seu prezo nun 31,6 %, en 2025 abaratou o grupo xeral de aceites e de graxas (-25,5 %), o azucre (-5,5 %) e as patacas e os seus preparados (-0,9 %).