Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta presentará recurso de casación contra o veto á pesca de fondo

A Xunta presentará recurso de casación contra o veto á pesca de fondo

Levará a Bruxelas o ditame do Consello Galego de Pesca en contra do recorte de fondos para crear un manifesto coa posición de Galicia

A conselleira do Mar chama á oposición a "unha fronte común" coa Xunta en defensa de Galicia. "De que lado se van poñer vostedes nesta ocasión?"

G24.gal 14/10/2025 17:12

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, avanzou que a Xunta presentará recurso de casación ante a decisión do Tribunal Xeral da UE de avalar o veto á pesca de fondo en 87 áreas, no marco do procedemento do Goberno central de recorrer en defensa do palangre.

Diso informou nunha comparecencia a petición propia no Parlamento galego, onde Villaverde denunciou esta veda como unha "decisión totalmente arbitraria", "sen aval científico de ningún tipo", que supoñerá un impacto para o 25 % da frota en Galicia.

Reclama unha "revisión" desta decisión e a súa suspensión mentres traballa nunha folla de ruta para tombar este vento por vía xudicial.

Na súa intervención, a conselleira reflexionou acerca dun "escenario xeopolítico complexo" que "pode poñer en risco a actividade do este sector". A este respecto referiuse ao recorte de 246 millóns que se prevé para Galicia no futuro marco plurianual de fondos pesqueiros europeos 2028-2034.

Así, Villaverde asegurou que levará a Bruxelas o ditame do Consello Galego de Pesca que rexeita a proposta da Comisión Europea sobre o novo marco financeiro plurianual 2028-2034.

Deste xeito, deixou o ditame na Cámara para que os grupos "realicen achegas". Con iso vaise recoller unha posición galega coa que facer un manifesto en defensa da pesca de Galicia.

A conselleira do Mar chama a oposición a "unha fronte común" coa Xunta en defensa de Galicia. "De que lado van poñer vostedes nesta ocasión?", cuestiona.

"Resulta indispensable que o Goberno central loite por impedir que perdamos voz e voto en Europa", engadiu a conselleira

Reproches da oposición

Durante o debate, Rosana Pérez (BNG) iniciou a súa intervención co reproche á conselleira de que "comezou con bastante mal pé esta andaina" coa situación "vergoñosa" de aplaudir "entusiasticamente" ao exconselleiro do Mar Alfonso Villares na súa despedida tras ser investigado por unha suposta agresión sexual.

Afea a Villaverde que fala dos recortes de fondos europeos para a pesca "coma se Von der Leyen non fose do PP europeo". Advirte de que "hai moitísimas cuestións que pode decidir" a Xunta para apoiar ao sector, "e ata o de agora non decidiu ningunha".

Rosana Pérez critica que a intervención da conselleira sirva para "vender que van recorrer" cando non o fixo no seu momento e só foi detrás do sector.

O socialista Carlos López Font lamentou como "inaceptable" o recorte do 67 % de fondos europeos para a pesca, o que sería "un golpe letal para Galicia".

López Font responsabiliza o Partido Popular deste recorte, con maioría absoluta na Comisión Europea, polo que o PP de España e Galicia "non poden mirar para outro lado, como fan habitualmente".

En cambio, Miguel Fidalgo (PP) valorou a "firme posición que está a defender" a Xunta polo seu "defensa valente" dos intereses en Europa e fai "un chamamento á responsabilidade" á oposición. "Non imos aceptar decisións que ameacen o noso sector pesqueiro", agrega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade