Pedro Blanco: "A autoestrada Lugo-Santiago estará completamente operativa en poucos meses"
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, recoñece que esta infraestrutura é unha demanda histórica pero que tan só falta o treito Melide-Arzúa
Pedro Blanco asegura que o número de policías nacionais e gardas civís aumentou en Galicia, que é a comunidade máis áxil na resolución de crimes
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, asegurou na Radio Galega que as obras da autoestrada Lugo-Santiago estarán rematadas nos vindeiros meses. Recoñece a dificultade técnica do último treito, o Melide- Arzúa, e tamén que se trata dunha vía moi usada, sobre todo por transportistas. Ter esta obra finalizada –asegurou– é unha vella aspiración.
"Por fin, despois de moitos anos, estamos vendo a luz ao final do túnel. Non dou unha data exacta porque se trata dunha obra complexa e importante que dura xa 27 anos".
Rescate da AP-9
O delegado do Goberno quitoulle ferro ao asunto do debate sobre a transferencia da AP-9 en Galicia, logo de que nos últimos días o PSOE desbloqueara parcialmente este asunto. Para Pedro Blanco, a clave non está a transferencia, senón no custo que iso terá para os usuarios.
O delegado está convencido de que os descontos do Goberno central aliviaron o peto dos traballadores e traballadoras que cada día se moven por esta arteria galega.
"Cos descontos do Goberno, os galegos levan aforrado 375 millóns de euros. Os pequenos e medianos empresarios, que usan esta vía todos os días, viron rebaixada a peaxe nun 75%".
A futura fábrica de Altri
O delegado do Goberno negou que dende o executivo de Pedro Sánchez se estea intentando frear a implantación da fábrica de Altri en Palas de Rei tras negar a autorización dunha subestación eléctrica en Lugo para garantir a subministración á futura planta.
Pedro Blanco salientou que o Goberno atende todas as demandas das empresas seguindo a Planificacion da Rede Eléctrica 2025- 2030 e os criterios da descarbonización.
"A planificación da eléctrica en Galicia non está provincializada. As autorizacións danse atendendo a criterios obxectivos, véxase o caso de Alcoa, na Mariña de Lugo, unha empresa cunha imperiosa necesidade de abastecemento enerxético".
Galicia é a terceira comunidade máis segura
"Galicia é a terceira comunidade máis segura e a máis áxil en resolver crimes".
No tocante a unha das principais funcións do delegado do Goberno, a seguridade, Pedro Blanco afirmou que a nosa comunidade é a que ten o número máis alto de membros nos Corpos e Forzas de Seguridade da historia con 9.000 policías e gardas civís. No caso da Policía Nacional, o número de efectivos aumentou nun 17%, subliñou.
"Hai que dicilo con total orgullo, todo isto repercute en que Galicia sexa unha das comunidades máis seguras de España e coa taxa de resolución de criminalidade máis áxil".
Lembrou Pedro Blanco algúns dos últimos investimentos en infraestruturas como a remodelación da comisaría de policía en Santiago ou do cuartel da Garda Civil. Considera que o seu departamento vai polo bo camiño, apostando pola mellora diaria deste servizo público esencial.