Pontón esixe explicacións ao Goberno polo fallo das pulseiras antimaltrato
A voceira nacional do BNG reclama máis recursos para mellorar a protección das vítimas da violencia machista
Ana Pontón insiste en que anular a concesión da AP-9 é máis barato que asumir as peaxes na sombra e as bonificacións
A líder nacionalista considera vergoñento que as institucións miren para outro lado ante o masacre en Gaza
Ana Pontón sostén que o Goberno do Estado ten que dar explicacións sobre os problemas que afectaron ao sistema de pulseiras de control telemático de maltratadores.
Nunha entrevista este domingo na Radio Galega, a voceira nacionalista considera que hai deficiencias que hai que corrixir neste sistema e ademais dotar ás vítimas de máis recursos en materia de protección.
"Temos deficiencias importantes en todo o que ten que ver co sistema de protección. Esas mulleres precisan de todos os recursos necesarios para garantir a súa seguridade".
Insistiu na importancia de dedicar máis recursos á loita contra a violencia de xénero e lembrou "que nós xa reclamamos dende hai tempo que se lle dedique o 1% do orzamento a estas políticas", pero -explica- "sempre tivemos en contra un goberno do PP que se nega a ter máis recursos para protexer as mulleres ante un tema tan grave".
Supresión da peaxe na AP-9
Pontón insistiu na "inxustiza e ilegalidade" que supón manter as peaxes da AP-9 malia a advertencia da Unión Europea e ante a negativa do Goberno español de realizar o rescate.
Incide en que esas taxas son "abusivas e un sabrazo para o peto de todos os galegos e galegas", pero ao mesmo tempo lembra que esta situación débese "ao goberno de Aznar que decidiu ampliar a concesión ata 2048".
Con todo, engade, "anular esa concesión sería moito máis barato que o que vai aboar o Goberno do Estado polas peaxes na sombra e as contraprestacións a cambio das bonificacións".
"O BNG vai seguir dando a batalla para acabar con esta situación discriminatoria para todos os galegos".
Tamén critica a Alfonso Rueda por "non acadar absolutamente nada nesta materia".
Situación en Gaza
Anunciou a líder nacionalista que van propoñer esta semana no Parlamento galego unha declaración "clara e rotunda a favor dos dereitos humanos, que denuncie o xenocidio en Palestina e que reclame ao Goberno central e a todas as institucións que se tomen medidas contundentes contra esta atrocidade", en referencia á situación que se está a vivir en Gaza.
"Está en xogo a defensa dos dereitos humanos, é algo gravísimo que nos afecta a todos e a todas".
Engade que lle van pedir ao Estado que "rompa calquera tipo de relacións diplomáticas con Israel, porque é preciso exercer toda a presión posible", e considera "vergoñento que despois de dous anos de masacre á poboación palestina as institucións europeas estean mirando para outro lado".
Quitación da débeda
Ana Pontón defende novamente a quitación da débeda do Estado duns 4.000 millóns de euros para Galicia. Atribúe ese logro ao BNG e cre que con eses recursos podería mellorarse a sanidade ou as políticas de vivenda.
Acusa a Rueda de "tratar de boicotear esta decisión beneficiosa para Galicia, única e exclusivamente porque lle manda o PP de Madrid. Iso é moi grave".