Publicador de contidos

Publicador de contidos

Besteiro propón unhas contas alternativas que prioricen os problemas da cidadanía

Besteiro propón unhas contas alternativas que prioricen os problemas da cidadanía

O líder do PSdeG asegura que a condonación da débeda e a fin dos privilexios fiscais achegarían 1.000 millóns de euros

Sitúa como prioridades das emendas aos orzamentos a vivenda pública, a sanidade, a política social e a prevención de lumes

G24.gal 08/11/2025 12:40 Última actualización 08/11/2025 13:19

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegura que a condonación da débeda e a supresión das bonificacións fiscais aos máis ricos permitirían dispor de 1.000 millóns de euros para mudar as prioridades dos orzamentos da Xunta.

O portavoz do Grupo Socialista presentou as emendas á totalidade e transverdal a uns presupostos que pide "devolver" porque son o reflexo dunha "Galicia resignada e sen ambición, a que ten o PP".

"Nós propoñemos abrir unha xanela de esperanza, as nosas emendas amosan que outra política económica é posible. Coa condonación da débeda e cun sistema fiscal máis xusto, onde quen ten máis achegue máis, Galicia podería contar con preto de 1.000 millóns de euros adicionais e sabemos a que destinalos", asegura.

Entre as prioridades socialistas están a vivenda pública de calidade, o reforzo da sanidade e da política social, a prevención de incendios e a recuperación das zonas arrasadas polo lume ou a defensa da lingua propia.

Co obxectivo principal de poñer as persoas "no centro da acción política", Besteiro presenta un modelo de país alternativo dunha Galicia "solidaria e amable que non deixe a ninguén atrás".

Vivenda

Propón destinar 225 millóns de euros adicionais á vivenda, incluíndo 45 millóns á posta en marcha dun Banco Público de Alugueiro, 25 para vivenda pública e 40 para garantir axudas á mocidade que quedou fóra do bono de alugueiro polo "desleixo do goberno galego".

Inclúe ademais 5 millóns de euros para que os concellos poidan implementar zonas tensionadas ou 40 millóns para residencias universitarias.

Sanidade

Respecto á sanidade pública, aposta por inxectar 130 millóns de euros máis para recuperar un servizo de calidade "garantindo condicións laborais dignas para os e as profesionais".

Quere dedicar 80 millóns ao reforzo da Atención Primaria, co obxectivo de acabar cunhas listas de agarda "insoportables" e co "colapso da sanidade pública provocada pola xestión do PP".

Políticas sociais

O terceiro grande eixo corresponde ás políticas sociais, que recibirían máis de 180 millóns de euros na emenda transversal presentada polos socialistas galegos, dos que a maior parte, 100 millóns, estarían destinados a garantir a viabilidade do Servizo de Atención no Fogar.

Tamén propón garantir a calidade nas residencias de maiores con 20 millóns de euros e destinar outros 30 a recuperar a Tarxeta Básica e 6 para o bono social eléctrico.

Besteiro propón a creación dun Plan Único para os concellos que garanta financiamento incondicional e rematar co repartimento de fondos "a dedo" por parte do goberno galego.

Os socialistas galegos queren duplicar os 114 millóns de euros do chamado fondo base de financiamento local con 200 millóns de euros adicionais, ademais de compensar o canon de Sogama con 30 millóns de euros para que non teña que incrementar o recibo do lixo.

Prevención de incendios

Os socialistas destinan 215 millóns de euros adicionais á prevención de incendios e desenvolvemento rural, que incluirían 100 millóns para un Plan Integral socioeconómico de recuperación das zonas afectadas e outros 100 para a recuperación das dos montes arradados en agosto.

Ademais inclúe 15 millóns de euros para garantir un modelo de equipos de prevención único, estable, en condicións laborais dignas e dependente da Xunta.

Mobilidade

Os socialistas galegos propoñen destinar 50 millóns de euros adicionais ao transporte, dos que 30 millóns corresponderían á subvención das peaxes nas autoestradas de titularidade autonómica seguindo o exemplo do Estado na AP9.

Tamén inclúe na súa proposta alternativa a mellora das políticas de igualdade e de loita contra a violencia de xénero, ademais de apoiar a mocidade, a lingua galega, recuperar as políticas de memoria democrática e reforzar o deporte ou a cultura.

Orzamentos sen alma

Besteiro reclama a devolución das contas "sen alma" do PP para o próximo ano pola súa "falta de ambición para resolver os problemas e atender ás necesidades das persoas".

Presenta ademais unha emenda transversal ambiciosa cun modelo diferente que demostra que "outra Galicia é posible e viable", e advirte que "o que falla é a vontade política" do goberno galego para blindar o benestar dos galegos e das galegas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade