A Xunta triplicará os fondos para vivenda protexida e dará máis axudas para rehabilitar no rural
As partidas para que os promotores constrúan pisos protexidos pasarán dos 5 aos 14 millóns de euros e haberá un plan de axudas para rehabilitar vivendas nos concellos de menos de 5.000 habitantes
Na sesión de control Rueda anunciou a aprobación, o ano que vén, dun plan de saúde mental que contempla a contratación de 21 psicólogos para a atención primaria
EFE/Xurxo Martínez
A Xunta vai triplicar o ano que vén o apoio aos promotores para a construción de vivenda protexida, ao pasar de 5 a 14 millóns de euros, e creará un novo programa de axudas á rehabilitación en concellos de menos de 5.000 habitantes que cubrirán o 75 % dos gastos.
Estas son as medidas que avanzou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control ao Goberno do pleno do Parlamento, en resposta a unha pregunta do secretario xeral do PSdeG.
José Ramón Gómez Besteiro acusa o presidente de antepoñer os intereses do seu partido aos de Galicia e de seguir as instrucións que lle mandan desde Madrid.
Rueda replica que "en poñer os intereses de partido por riba dos de Galicia Besteiro é "todo un campión" e avanzou que, "mentres os socialistas demonizan os promotores, a Xunta vai facer todo o contrario" e subirá en 2026 o apoio para que "poidan construír vivenda e vendela despois a prezo social".
Na sesión de control, a portavoz nacional do BNG puxo o foco na saúde mental. Ana Pontón denunciou que o 23 % dos galegos teñen problemas crónicos de saúde mental. A líder do Bloque afirma que Galicia lidera o ránking de suicidios e que o consumo de ansiolíticos e antidepresivos duplica a media do estado, "unha auténtica barbaridade".
Pontón lembrou o compromiso do presidente galego de incorporar 14 psicólogos á atención primaria e pregúntase: "Onde están? Hai sete para 400 centros de saúde".
Na réplica, o presidente avanzou que a eses 14 sumará outros 7 máis e avanza que estes 21 profesionais incorporaranse o ano que vén ao abeiro dun plan de saúde mental que aprobará o Goberno galego.
O presidente afirmou no Parlamento que temos "a mellor sanidade de España e unha das mellores de Europa". Rexeita as "fórmulas máxicas da oposición, que din que "se non contratamos máis médicos é porque non nos dá a gana" e apunta: "Seguirei buscando profesionais".