Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP de Lugo suxire que Arroxo (BNG) "malversou" fondos públicos, e este ameaza con levar a Candia ao xulgado

O PP de Lugo suxire que Arroxo (BNG) "malversou" fondos públicos, e este ameaza con levar a Candia ao xulgado

Os populares denuncian a rectificación do pago dunha factura ordenada por Arroxo e recalcan que a IA apunta a posible "malversación"

Elena Candia, nunha imaxe de arquivo Elena Candia, nunha imaxe de arquivo
G24.gal 06/11/2025 18:44

A portavoz do grupo municipal do PP en Lugo, Elena Candia, denunciou o que considera "unha situación especialmente grave", en relación á decisión do alcalde, Miguel Fernández, de rectificar o pago dunha factura que ordenara o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, en funcións de rexedor, ao entender que "non está acreditada a prestación do servizo".

No foco está unha factura de Lugo Máxico, para a empresa El Asombro, por valor de 1.149 euros.

Tras a denuncia da portavoz popular, Arroxo emitiu un comunicado, en que ameaza con emprender accións legais ante "as calumnias" vertidas por Candia, á que acusou de "meter falsidades na política local, nesta ocasión moi graves" e apuntándoo a el.

Segundo explicou, a rectificación relativa á factura responde á "corrección dun erro" ligado a que unha actividade non se puido celebrar por unha cuestión técnica do auditorio, dado que "saltaron os medios de protección antiincendios.

"Os servizos municipais detectaron que se coou por erro a factura de 1.149 euros desa actividade. Erros que pasan con certa frecuencia porque todos somos humanos, pero que despois corríxense. Así foi detectado e corrixido, e quen ten a potestade para asinar esta corrección é a persoa que ostenta a alcaldía nese momento. Pois ante isto, á representante do PP non se lle ocorre outra barbaridade que chamarme malversador e inventar a falsidade", censura.

"Liña vermella"

Os populares, con todo, apuntan que se ata o de agora existía "unha desconfianza" entre os membros do Goberno municipal, con esta "rectificación" pásase "unha liña vermella". "Miguel Fernández di que non vai pagar a factura que aprobou por decreto Arroxo o 14 de outubro, estando como alcalde en funcións", remarcan.

De feito, o PP cre que a situación supón "unha estafa aos lucenses" e evidencia que "o seu pacto só é para que non goberne o PP, o partido gañador das eleccións", e esgrimiu que ou Arroxo ou Fernández "faltan á verdade".

"Na páxina 3 do decreto que asina Rubén Arroxo indícase que as facturas están acreditadas tendo en conta a conformidade prestada polas concellerías delegadas e os servizos técnicos municipais ás mencionadas facturas electrónicas, corroborando así a efectiva execución dos servizos detallados nelas. Por tanto, ou mente Rubén, e, de ser así, pedimos que o alcalde o cese de inmediato; ou quen mente é o alcalde simulando unha operación de falsa fiscalización".

De feito, o PP agrega que, se fose así, Arroxo "debería defender que se pague ao provedor".

Consulta á IA

Os populares recalcan que este é un feito moi grave e aluden a que, segundo unha consulta "á intelixencia artificial", o pago por servizo non prestado desde unha administración supón "unha práctica que constitúe unha irregularidade administrativa grave, ao vulnerar os principios de legalidade, eficiencia, transparencia e control del gasto público".

"Así mesmo, pode dar lugar a responsabilidade contable, administrativa ou penal. Nos casos en que exista intención o coñecemento do carácter indebido do pago, a conduta pode encadrarse no tipo penal de malversación de fondos públicos, conforme ao previsto no artigo 432 e seguintes do Código Penal", continúan.

"Parada provisional desde Mondoñedo"

Arroxo mostrou a súa indignación tamén en redes sociais, onde o BNG difundiu un comunicado en que, ademais de recalcar que se estudarán posibles medidas xudiciais, o dirixente nacionalista esgrime que Lugo é "unha cidade tranquila" e que, quen é de alí, tratan de que "mellore".

"Non podemos seguir permitindo que unha señora que vén facer parada provisional a Lugo desde Mondoñedo, mentres non atopa o seguinte feudo, estea a crear este nivel de crispación e falsidades", conclúe, en alusión a Candia, tamén líder provincial dos populares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade