A oposición de Vigo esixe ao Goberno local que aclare se ordenou precintar o Saltamontes
A atracción en que morreu un home en 2024 non obtivera o permiso municipal para instalarse nas festas de Matamá
A Concellaría de Seguridade envioulle un correo á Policía Local, pero o aparello non foi inmobilizado
A oposición esixe respostas polo caso do Saltamontes de Vigo. O BNG e o PP reclaman que o Goberno municipal aclare se o Concello deu ou non orde expresa de clausurar a atracción en que morreu un home, no verán de 2024, a sabendas de que non tiña autorización para funcionar.
Foi despois de que o xefe da Policía Local declarase no xulgado que investiga o caso, onde, segundo diversas fontes, asegurou que non recibiron ningún mandato concreto para inmobilizar o aparello.
O Bloque demanda que se faga público o correo electrónico que a Concellaría de Seguridade enviou á emisora da Policía Local. Os populares pide a dimisión da concelleira responsable.
"O xefe da Policía Local, en sede xudicial, declarou de maneira rotunda que ese correo non contiña ninguha instrución, ningunha orde de precintado ou inmobilización desa atracción", asegura o portavoz do grupo municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas.
"Xa que logo, non queda outra que volver insistir en pedir o cesamento fulminante da concelleira de Festas e Seguridade porque non pode permanecer nin un minuto máis nese posto", di pola súa banda o concelleiro do PP Miguel Martín.
Porque o Saltamontes non tiña autorización para instalarse nas festas da parroquia de Matamá. O Concello denegoulla porque os propietarios non presentaran toda a documentación requirida. Aínda así, estivo funcionando e a madrugada do 3 de agosto de 2024 rompeu un dos brazos e un home faleceu no accidente. Chamábase Iván Castaño, un veciño de Vigo de 36 anos. A súa parella resutou ferida.
"A miña clienta quere unha explicación, necesita saber por que unha atracción que non podía funcionar se permitiu que se puxese en marcha", explica o avogado da muller, Francisco Méndez.
Este venres dende o Goberno municipal de Vigo non houbo manifestacións sobre o caso. A concelleira de Seguridade, cando foi declarar ao xulgado, contestara así ante os micrófonos da prensa:
"Dei as explicacións oportunas ao que preguntou a xuíza e a Fiscalía e seguiremos colaborando en todo o que eles entendan", afirmara Patricia Rodríguez.
O caso segue aberto e as partes din que aínda será necesario practicar máis dilixencias.