Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP lémbralle ao Goberno que a rebaixa do IVE dos carburantes ten que ser temporal

O PP lémbralle ao Goberno que a rebaixa do IVE dos carburantes ten que ser temporal

O eurodeputado Fernando Navarrete sinala que prolongar esta medida no tempo conlevaría sancións da UE que acabarían pagando os cidadáns

Avoga por deflactar o IRPF e por rebaixas maiores no imposto especial de hidrocarburos

G24.gal 12/04/2026 09:07

O eurodeputado do Partido Popular, Fernando Navarrete, membro da subcomisión de Asuntos Fiscais, agarda que a Comisión Europea publique canto antes as directrices que deben seguir os estados membros para facerlle fronte á crise económica derivada da guerra en Irán. E confía en que ese paquete de medidas valide a rebaixa do IVE dos carburantes sempre e cando non se prolongue no tempo.

“Eu espero que a Unión Europea sexa sensible á circunstancia específica do momento e espero do Goberno español que as medidas sexan temporais….Vistos os precedentes, en España as medidas que se adoptan con carácter transitorio despois duran varios anos máis do previsto e eso non pode ser”.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, aclarou que, polo momento, Bruxelas está valorando as medidas adoptadas polos estados membros ante a escalada do prezo do cru en base “ao seu marco legal estrutural”. Un marco que non permite aos países da Unión gravar os hidrocarburos con tipos reducidos do IVE en circunstancias normais, tal e como lle recorda Bruxelas ao Goberno de España nunha carta que lle acaba de remitir.

“Insisto, o marco excepcional para afrontar esta crise non o coñecemos pero, en principio, non se opón á redución de impostos indirectos. En que contía? Por canto tempo? Esa é a parte que descoñecemos”.

Fernando Navarrete explicou que de prolongarse no tempo, Bruxelas pode abrir un procedemento contra España que podería rematar en sanción, tal e como acontece co IVE franquiciado dos autónomos. A Comisión anunciou recentemente que denunciará ao Estado español ante o Tribunal De Xustiza da Unión por non transpoñer ao Dereito Nacional a directiva que permitiría non declarar o IVE ós autónomos cunha facturación inferior a 85 mil euros.

“Inevitablemente levaríanos a un conflito con Bruxelas pero esperemos que non sexa así polo ben de tódolos cidadáns que ao final son os que pagan estas multas europeas e que xa estamos empezando a pagar noutros ámbitos, por exemplo co tema da exención franquiciada do IVE ós autónomos... Trátase de aliviar a carga sobre os cidadáns. Que paguemos multas non vai na dirección do que se pretende, non?”.

Na entrevista da Radio Galega, Fernando Navarrete avogou por cumprir sempre a lexislación comunitaria e apostar por outras medidas complementarias como a deflactación do IRPF, é dicir, subir os tramos estatais da Renda e os mínimos exentos dunha forma equivalente á inflación. Deste xeito evítase que aumente a presión fiscal cando se perde poder adquisitivo.

“Dende o Partido Popular en España xa se fixeron propostas ao respecto e a máis potente, sen ningunha dúbida porque afecta á maioría dos cidadáns, é a deflactación do IRPF. Ademais disto, hai medidas alternativas que se poden poñer encima da mesa que desde o Partido Popular lle esiximos ao Goberno que poña en marcha”.

Tamén avogou por rebaixar tódolos impostos asociados á produción enerxética.

“Non ten ningún sentido que nun momento de carestía, de incremento extraordinario dos prezos, esto se vexa agravado por un sistema impositivo que os incrementa aínda máis. Polo tanto, redución sistemática dos impostos asociados á produción e a comercialización de hidrocarburos”.

E apostou por cumprir os compromisos de interconexións enerxéticas entre países ante as “diferenzas abismais” nos prezos da luz.

“Cantas crises nos teñen que pasar para que, por favor, cumpramos aquilo que xa acordamos hai varias décadas”.

Indicou que a Comisión Europea o que pretende é que non haxa vantaxes fiscais desmedidas naqueles países con maior capacidade fiscal fronte a outros que, como España, “teñen unha marxe máis limitada”.

“A Comisión Europea o que quere é limitar a capacidade de actuación doutros estados membros que teñen maior capacidad fiscal, como é o caso de Alemaña que ten subsidios dende hai moito tempo sobre os custes enerxéticos da súa industria. En España, non creo que fose bo senón que ademais é imposible… Temos unha debilidade estrutural no apartado fiscal que é grave”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade