Publicador de contidos

Publicador de contidos

Macron envía o 'Charles de Gaulle' ao Mediterraneo e pide unha coalición para asegurar o trafico maritimo

Macron envía o 'Charles de Gaulle' ao Mediterraneo e pide unha coalición para asegurar o trafico maritimo

Macron desaproba os bombardeos dos Estados Unidos e Israel sobre Irán por consideralos fóra do dereito internacional

Anuncia o envío do portaavións Charles de Gaulle á rexión para garantir o tráfico no estreito de Ormuz

Insta a Israel a respectar o territorio e a integridade do Líbano e a evitar unha invasión por terra

Emmanuel Macron, este luns durante a visita a base naval dos submarinos nucleares de Ile Longue. Yoan Valat /Pool via REUTERS Emmanuel Macron, este luns durante a visita a base naval dos submarinos nucleares de Ile Longue. Yoan Valat /Pool via REUTERS
G24.gal 03/03/2026 21:46

O presidente francés, Emmanuel Macron, pediu este martes a creación dunha coalición internacional para preservar as vías marítimas esenciais ante a ameaza sobre o estreito de Ormuz polo conflito no Golfo Pérsico e anunciou un reforzo do dispositivo militar francés na rexión.

Nun discurso televisado, alertou da gravidade da situación tras os bombardeos dos Estados Unidos e Israel sobre Irán, que desaprobou por consideralos fóra do dereito internacional, aínda que atribuíu a Teherán a responsabilidade polo seu programa militar e polo apoio a milicias na zona.

“A historia nunca chora os verdugos dos seus pobos. Non se botará de menos a ningún”, afirmou.

Macron sinalou que as ameazas iranianas afectan o estreito de Ormuz, por onde transita o 20 % do petróleo mundial, e advertiu de que o Canal de Suez e o mar Vermello tamén están baixo tensión.

Ante esta situación, indicou que Francia puxo en marcha unha iniciativa para construír unha coalición internacional que reúna medios, incluídos militares, para reabrir e asegurar o tráfico nestas rutas clave para a economía mundial.

Envío do portaavións Charles de Gaulle e a fragata Languedoc

O presidente anunciou o envío á rexión do portaavións de propulsión nuclear Charles de Gaulle, que participaba en manobras no mar Báltico, como mostra do reforzo da presenza militar francesa.

Subliñou que Francia ten intereses económicos que preservar e que o conflito pode provocar perturbacións no prezo do petróleo e do gas.

Afirmou que as bases francesas contribuíron a derrubar drons lanzados desde Irán contra países aliados do Golfo e que sufriron danos limitados.

Engadiu que o dispositivo militar xa foi reforzado con cazas, radares e sistemas de defensa antiaérea e que continuará ampliándose “tanto como sexa necesario”.

En apoio a Chipre, tras un ataque contra unha base británica na illa, anunciou o envío da fragata Languedoc, que chegará ás súas augas esa mesma noite.

Ao longo do día mantivo contactos cos líderes de Chipre, Líbano, Catar, Emiratos Árabes Unidos e coa rexión autónoma iraquí do Kurdistán.

Insta a Israel a que respecte o territorio do Líbano

Macron advertiu a Israel contra unha operación terrestre no Líbano, que cualificou de escalada perigosa e erro estratéxico, e instou a respectar o territorio e a integridade libanesas.

Tamén sinalou que a milicia chií Hizbulá cometeu un erro ao atacar primeiro a Israel e poñer en perigo a poboación libanesa.

O presidente referiuse á situación dos preto de 400.000 franceses residentes na rexión ou afectados pola escalada bélica durante desprazamentos e asegurou que se está a organizar a súa repatriación de forma ordenada.

Indicou que dous voos con cidadáns evacuados chegarán a París esta noite.

Ademais, anunciou medidas para reforzar a seguridade en Francia.

Sinalou que o Goberno reforzou a operación de protección militar Centinela e a vixilancia arredor de lugares e persoas vulnerables, en referencia ás patrullas militares no territorio francés.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade