Ana Pontón reclama o recoñecemento de Castelao como primeiro presidente de Galicia
A voceira nacional do BNG volveu pedilo na apertura do Simposio Castelao, organizado pola Fundación Galiza Sempre e o BNG
Reivindicou a figura de Castelao como exemplo da política honrada que busca mellorar a vida da xente
Ana Pontón reivindicou a vixencia do pensamento de Castelao para construír a Galicia en grande pola que traballa agora o BNG, “con confianza no noso país, nas nosas propias forzas e na nosa xente”. O seu legado esténdese tamén á forma de entender a política, “desde a dignidade, a honradez e a xenerosidade”, fronte a quen quere impoñer o descrédito da política, defendeu “a política en positivo que mellora a vida das persoas e o futuro do país”.
É por iso que, subliñou, o PP de Rueda, que é “o máis ultra e antigalego da historia”, non vai atopar o BNG na “crispación e a lameira da política madrileña” que pretende importar a Galicia polo nerviosismo que lles provoca “un BNG que vai a máis, que segue medrando e que cada vez chega a máis xente”.
Por outra banda, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, acusou o Goberno da Xunta de querer levar Galicia "cara atrás" con proxectos "que son máis propios do franquismo industrial", en referencia ao da macrocelulosa que Altri pretende instalar en Palas de Rei.
"Rueda ten que deixar dunha vez por todas de facer o triste papel de comercial de Altri, porque o futuro de Galicia pasa por industrias de vangarda, non por proxectos contaminantes que ninguén máis quere", afirmou durante a súa intervención no Simposio Castelao, organizado pola Fundación Galiza Sempre dentro dos actos de celebración do 75 aniversario do seu falecemento no exilio.