Xoán Carlos I evita responder ao ser preguntado polas súas memorias: "Fai un día estupendo"
O Bribón non chega a tempo a Sanxenxo e Xoán Carlos I non pode competir no Desafío Barceló
O rei saíu ao mar nunha embarcación de apoio con parte da tripulación coa que conquistou o Mundial da Clase 6 Metros no mes de setembro, en Nova York
O Bribón ía chegar ao porto de Vigo este venres pero o mal tempo atrasou a navegación e non arribará ata o luns
Xoán Carlos I volve estar en Sanxenxo na casa do seu amigo e anfitrión Pedro Campos. Nesta ocasión achegouse a Galicia para participar na derradeira proba da Liga Nacional de vela, pero non puido ser porque o Bribón non chegou a tempo.
Despois de descansar pola tarde na casa de Campos, este sábado pola noite volveu ao Real Club Náutico para cear cuns amigos. Ao chegar, a prensa que o estaba agardando preguntoulle pola repercusión das súas memorias. Xoán Carlos I evitou responder a pregunta e contestou cun evasivo: "Fai un día estupendo".
O rei tampouco respondeu ao resto das preguntas, nin cando lle preguntaron polo seu fillo e polas súas netas.
Entre a xente que estaba no peirao escoitouse algún berro de "viva o rei!" mentres a súa maxestade entraba acompañado de membros da tripulación do Bribón nas instalacións do Club Náutico. Tras eles entraron tamén os trofeos que conquistaron no Campionato do Mundo da Clase 6M no mes de setembro nos Estados Unidos.
Na cerimonia inaugural do mundial, o pai de Felipe VI doou á ISMA, a clase internacional de 6M, a copa que leva o seu nome, e uns días despois o Bribón acabouna conquistando.
A copa será custodiada no náutico da turística localidade pontevedresa ata a próxima edición do mundial, dentro de dous anos.
O club recibiu, ademais, o Trofeo Lucie que foi outorgado a Alicia Freire, do Titia, como a mellor regatista feminina clasificada en todas as categorías da clase 6 metros e que tamén foi cedida para a súa custodia ao Real Club Náutico de Sanxenxo
O Bribón non chega a tempo a Sanxenxo e Xoán Carlos I non pode competir no Desafío Barceló
Xoan Carlos I non compite no Desafío Barceló, a última proba da Liga Nacional da Clase 6 Metros desta tempada, ao non dispoñer do seu barco, o Bribón.
O rei emérito saíu ao mar nunha embarcación de apoio con parte da tripulación coa que conquistou o Mundial da Clase 6 Metros no mes de setembro, en Nova York.
O motivo de que o Bribón non cheguera a tempo para a competición son as duras condicións meteorolóxicas rexistradas esta semana. O buque portacontedores MSC Kayla, que transporta tanto o Bribón como o Titia desde os Estados Unidos ata Vigo, sufriu un atraso e atópase actualmente en Xixón.
O veleiro tiña previsto arribar ao porto de Vigo este venres, á unha da mañá, pero a súa ETA (siglas en inglés de Estimated Time of Arrival), a hora de chegada estimada pospúxose ata o vindeiro luns.
Juan Carlos I no Náutico de Sanxenxo, este sábado. Foto: EFE/Emilio Lavandeira
A tripulación de Titia si compite, faino a bordo do seu segundo barco, Acacia, mentres que a tripulación do Bribón aproveita para axudar a outros equipos para mellorar a súa posta a punto e manobras, como é o caso do Stardust, que para o Desafío Barceló contará co campión olímpico e catro veces campión do mundo de 6 metros, o cántabro Jane Abascal.
O Desafio Barceló comezou a primeira hora desta tarde, ás 13:00 horas, co barco do Monte Real Club de Iates de Baiona, o Alibaba II de Miguel Lago, como máximo favorito ao triunfo da derradeira proba do ano.
Como vén sendo habitual, Pedro Campos, amigo do Monarca, volve ser o seu anfitrión.
Juan Carlos I este sábado en Sanxenxo. Foto: EFE/Emilio Lavandeira