Máis dun milleiro de corredores participan no Desafío Boot Camp en Vigo
A competición de obstáculos conta con probas para todos os niveis e idades
Máis dun milleiro de corredores puxeron a proba a súa axilidade, forza e resistencia na carreira de obstáculos que se celebrou este domingo na praia de Samil, en Vigo.
"Fan praia de ida e praia de volta, toda a praia de Samil. É o obstáculo máis complicado, que aguanten e dosifiquen un pouquiño aí. O resto son porteos, agachar por cordas, rematan cun tobogán que é como un bo sabor de boca que lles queremos deixar para que esquezan todas as "falcatruadas" que lles fixemos", explica David Suárez Martínez, organizador deste evento.
A proba dividiuse en varias categorías, desde profesionais ata afeccionados. Os adultos enfrontábanse a un circuíto de case sete quilómetros e máis de trinta obstáculos.
"O que poidamos. Pasalo ben. Con tal de non morrer no camiño xa nos conformamos", di un dos participantes.
"Sinceramente, non me preparei. Fago crossfit todo o ano, adéstrome catro veces á semana, e vin por pasar o domingo e aproveitar o día", asegura outro.
"A gozar. Un domingo diferente, ben, sen presión, nós non somos da elite, entón..."."Hai obstáculos complicados, outros fáciles, pero o cansazo, correr pola area, todo iso xa cansa. É un desafío moi bonito para quen non o practicara e pódese practicar con calquera idade. Contento". "Moi ben, é a primeira vez que estou por aquí e encantoume. Correr pola praia de Samil é incríble", engaden outros corredores.
A última hora da mañá, os nenos percorreron un circuíto adaptado. A máxima categoría puntuaba para os campionatos de España e do mundo.