Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sánchez segue a analizar o futuro da lexislatura coas protestas de fondo

Sánchez segue a analizar o futuro da lexislatura coas protestas de fondo

O presidente continúa cos contactos con membros do Goberno e do PSOE para decidir se convoca eleccións

Agárdase que compareza este luns para despexar as dúbidas sobre uns posibles comicios antes de fin de ano

directo Sánchez no Congreso a pasada semana. EFE/J.J. Guillén
G24.gal 04/10/2026 13:06 Última actualización 04/10/2026 14:31

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, segue a manter contactos este domingo con membros do seu executivo e do PSOE para decidir, tras as manifestacións pola vivenda da fin de semana, se convoca xa eleccións ou segue o curso da lexislatura.

Desde o venres pasado, cando o Congreso rexeitou os dous decretos lei en materia de vivenda, Sánchez mantivo conversas con ministros e dirixentes socialistas para coñecer a súa opinión sobre os pasos que debería dar.

Eses contactos, segundo informan a EFE fontes do Goberno, proseguen este domingo, e incorporaron unha análise sobre as manifestacións que se sucederon este sábado por toda España reclamando solucións á crise da vivenda e pedindo a convocatoria dunha folga xeral.

A reacción da cidadanía, tal e como asegurou tanto A Moncloa como Ferraz, é moi relevante para a decisión final, e Sánchez segue a lle dar voltas a unha solución.

Centos de persoas continúan acampadas na Porta do Sol. EFE/Sergio Pérez

Ao 50%

No PSOE vai gañando terreo a opinión de que disolva xa as Cortes e convoque eleccións. Así e todo, fontes do partido sinalaron a EFE que as dúas opcións semellan ter un 50% de posibilidades.

Tras o período de análise e reflexión aberta polo presidente do Goberno despois do rexeitamento parlamentario aos dous decretos sobre vivenda, a previsión é que este luns se despexe a incógnita.

Os decretos votáronse no pleno do pasado venres. EFE/JJ Guillén Os decretos votáronse no pleno do pasado venres. EFE/JJ Guillén

Posible comparecencia o luns

Se Sánchez quere comicios, este luns debería anunciar a convocatoria para que o decreto se publique no Boletín oficial do Estado ao día seguinte. A partir de entón, empezarían a contar os 54 días que fixa a lei electoral para a xornada de votación, que sería o 29 de novembro.

Pola contra, se opta por manter a lexislatura, o previsible é que explique a súa proposta para que as medidas rexeitadas poidan converterse nunha realidade máis adiante.

Á espera dalgunha comparecencia para informar da súa decisión, polo momento Sánchez ten previsto acudir ás 9:30 horas deste luns á inauguración en Madrid do XXIX Congreso Nacional do Instituto de Empresa Familiar.

Ademais, hai convocada para as 11:00 horas una xuntanza da Executiva Federal do PSOE.

Miguel Tellado no Congreso esta semana. EUROPA PRESS/Fernando Sánchez Miguel Tellado no Congreso esta semana. EUROPA PRESS/Fernando Sánchez

O PP repróchalle que siga "tombado no diván"

O vicesecretario xeral do PP, Miguel Tellado, di que o presidente do Goberno "segue tombado no diván da Moncloa" ordenando "enquisas a fume de carozo" e pídelle que non o pense máis e "aperte o botón" para adiantar xa as eleccións.

Nun vídeo remitido aos medios este domingo, dá por feito que Sánchez lle ordenou ao responsable do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), Félix Tezanos, que faga sondaxes mentres sopesa se "convocar as eleccións ou deixalo para dentro duns meses".

"Pedro non oo penses máis, faino! Convoca mañá as eleccións xerais. Aperta o botón. Comezamos a campaña e en menos de dous meses veremos o que pensan os cidadáns", clamou Tellado.

Remarca que o PP está preparado e desexando o adianto electoral, "igual que a maioría dos españois", xa que, na súa opinión, España "quere votar, necesita votar e merece votar" porque "non aguanta máis".

Do mesmo xeito, considera que "a mellor política de vivenda" do Goberno socialista "será a convocatoria de eleccións" porque "será o PP quen constrúa ese millón de casas" que necesita España, en alusión ao anuncio do líder do PP hai uns días.

Segundo o dirixente do PP, Feijóo abrirá unha "nova etapa" en España que supoñerá "todo un cambio de época para recuperar todo o que se destruíu e secuestrar" polo Goberno de Sánchez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade