Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os concellos reclaman que o Estado e a Xunta financien o 100 % da dependencia

Os concellos reclaman que o Estado e a Xunta financien o 100 % da dependencia

O presidente da FEGAMP denuncia que os concellos soportan un 40 % do custo do servizo

Alberto Varela cifra en 600 millóns o déficit dos municipios por competencias doutras administracións

O rexedor de Vilagarcía pide que os concellos non queden excluídos do debate sobre o financiamento autonómico

G24.gal 05/10/2025 09:30

O  presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) afirma que o financiamento é a principal materia pendente dos concellos.

Na entrevista do domingo da Radio Galega, Alberto Varela reclamou que non se exclúa os concellos do debate sobre o financiamento autonómico.

"Os concellos non podemos quedar co que sobre desa repartición. Non é razoable porque   cada vez xestionamos máis competencias públicas".

O tamén alcalde de Vilagarcía suliñou que os municipios deben contar cun financiamento estable e cunha previsión do que van recibir do Estado e da Xunta para prestar servizos de calidade.

"Nos últimos anos a participación nos ingresos do Estado foi aumentando, aínda que sempre queremos máis. A nivel de Galicia, pedímoslle á Xunta que incremente o Fondo de Cooperación Local porque leva dez anos na mesma contía: 112 millóns para 313 concellos".

O responsable da FEGAMP tamén reclamou clarificar as competencias que deben asumir os concellos e as deputacións.

"Sobre o papel a función das deputacións é axudar os concellos máis pequenos. Eu vexo que hai  diferenzas entre unhas deputacións e outras e cada unha decide a súa liña. Cre que hai que facer unha reflexión sobre o seu papel no futuro. Hai que clarificar as competencias dos concellos e das deputacións".

Alberto Varela cifrou en  600 millóns o déficit dos concellos galegos pola prestación de servizos que "son competencia doutras administracións", pero que xestionan por seren a administración máis próxima. Entre eses servizos está o de Axuda no Fogar, o SAF,  que, segundo explicou, é o máis demandado.

"A Lei da Dependencia establece claramente que ten que ser financiado ao 100 % polo Estado e pola Xunta. A realidade é que somos os concellos os que estamos facendo un esforzo maior para que este servizo (o SAF) saia adiante.  O que pedimos é que se cumpra a lei".

O presidente da FEGAMP engadiu que están en negociacións coa consellería de Política Social e que solicitaron unha reunión co ministro de Dereitos Sociais   que aínda non se produciu.

Alberto Varela denunciou que o custo medio do servizo en Galicia é de "24 ou 25 euros a hora", pero que reciben 12 euros entre o Estado e a Xunta. A isto hai que engadir o copagamento dos usuarios, "que é mínimo".

"A conta é bastante simple. É dicir, estamos poñendo nós case a metade, un pouco menos, o 40 %, porque co copagamento é un corenta e pico. Ningunha das dúas administracións (Xunta e  Estado) cumpre coa parte que lle toca.  A  Lei de Dependencia  di que a comunidade ten que poñer, cando menos, o mesmo que o Estado: cando menos a Xunta tería que poñer 12 euros e o Estado outros 12".

Fusións

O rexedor de Vilagarcía e presidente da FEGAMP cre que o debate sobre a fusión dos concellos non está dando resultado.  

"As fusións son moi difíciles. Cada concello ten a súa identidade, o seu nome. É difícil poñerse de acordo en cousas tan simples como as festas locais. Creo que bater contra ese muro é perder o tempo".

Pola contra, Varela aposta por outras vías, como mancomunar servizos.

"Moitas mancomunidades funcionan moi ben. Hai servizos en que os concellos máis pequenos se poden axudar. Creo que debemos explorar esta vía máis que falar de fusionar concellos".

Noutra orde de cousas, o responsable da FEGAMP referiuse ao clima político actual. Alberto Varela aposta polo diálogo e o entendemento e pide  "un pouco de mesura" nun momento en que "a política e a sociedade están tan tensionadas e polarizadas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade