Unha auditoría do PSOE desbota financiamento irregular pero detecta gastos “rechamantes”
Non atopa indicios de fondos non declarados pero identifica "gastos impropios e excesivos" entre 2017 e 2024, como menús de máis de 300 euros
O informe, elaborado por dous catedráticos da Universidade Autónoma de Madrid, será remitido á Audiencia Nacional
Unha auditoría forense encargada polo PSOE descarta a existencia de financiamento ilegal no partido ao non atopar indicios de fondos non declarados nin de movementos de efectivo alleos ao circuíto ordinario de tesourería. Con todo, o estudo si detecta gastos “rechamantes” cargados á Secretaría de Organización durante a etapa de José Luis Ábalos, algúns deles cualificados como “manifestamente impropios”.
O traballo foi elaborado por dous catedráticos de Dereito Financeiro e Tributario da Universidade Autónoma de Madrid e analiza os pagos en efectivo realizados polo PSOE entre 2017 e 2024, así como o funcionamento da caixa en metálico do partido. Segundo o informe, o sistema é “coherente, pechado e verificable”, con entradas procedentes case na súa totalidade dunha conta bancaria e saídas debidamente documentadas.
A análise realizouse tras a investigación xudicial aberta contra os dous últimos secretarios de Organización do PSOE, José Luis Ábalos e Santos Cerdán, e foi remitida tamén á Audiencia Nacional, onde o xuíz Ismael Moreno investiga posibles irregularidades nos pagos en efectivo.
Un sistema de caixa "coherente, pechado e verificable"
O informe conclúe que todas as entradas de efectivo teñen unha orixe bancaria ou corresponden a axustes de anticipos, mentres que as saídas están asociadas a reembolsos de gastos con soporte documental. Non se detectan fondos de procedencia externa nin indicios de branqueo de capitais, xa que "todas as entradas de efectivo teñen unha orixe bancaria ou responden a axustes de anticipos e todas as saídas están correctamente documentadas".
Entre 2017 e 2024, o PSOE destinou á caixa 940.388 euros, dos que 126.858 corresponderon á Secretaría de Organización ata 2020. Ábalos recibiu 19.637,97 euros ata 2019 e o seu exasesor, Koldo García, 11.291,33 euros entre 2017 e 2019. Na etapa de Santos Cerdán, entre 2023 e 2024, os importes foron sensiblemente menores.
Recibos de ata 332 euros en comidas
Aínda que a maioría dos gastos analizados non superan o limiar de referencia de 60 euros por comensal, o informe destaca varias excepcións. Entre elas figuran menús de ata 332 euros, recibos nunha mariscaría de cen euros por persoa, unha comida de Nadal para nove comensais en Valencia ou facturas emitidas en lugares como París, Andorra ou cidades belgas, consideradas “localizacións rechamantes”.
Os gastos que excederon o limiar establecido representaron o 4 % en 2018, pero chegaron ao 25 % en 2020. Ademais, en numerosos comprobantes non consta con claridade o destinatario nin a forma específica de pago, aínda que en ocasións aparecen nomes como Ábalos, Koldo García ou mesmo a exsogra do exministro.
O PSOE revisará se houbo un posible prexuízo económico
Tras recibir o informe, o PSOE descarta financiamento ilegal, pero anunciou que revisará con detalle os comprobantes de gasto para determinar se algúns deles non se corresponden coa actividade política do partido.
Segundo fontes socialistas, a seguinte fase será cotexar os recibos coa axenda da Secretaría de Organización para avaliar se puido existir unha posible estafa da que o partido fose vítima, sen prexuízo das investigacións xudiciais en curso.