Vigo acolle os actos do Día da Policía Nacional, que acada o máximo histórico con 76.700 axentes
A imposición das condecoracións aos policías e civís que contribuíron á protección da cidadanía, a homenaxe aos caídos en acto de servizo ou as medallas a membros da unidade canina foron algúns dos momentos máis destacados
Centos de persoas achegáronse este xoves ata a rúa García Barbón para presenciar os actos centrais do Día da Polícia Nacional que este ano se celebrou en Vigo durante toda unha semana.
Os actos de celebración do día do patrón culminaron coa presenza do ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, quen nada máis chegar pasou revista á formación composta por 298 axentes de 18 unidades operativas.
Foi un día para celebrar os 201 anos de historia do Corpo Nacional de Policía e para facer balance do traballo realizado que fan de España un dos países máis seguros do mundo. Diso encárganse os máis de 76.000 homes e mulleres que contribúen a reforzar a seguridade cidadá.
"Sodes máis policías nacionais que nunca: patrullando as rúas, loitando contra o delito alí onde se vos necesita, servindo á sociedade", apostilou durante o seu discurso.
Todo iso, segundo apuntou, despois dun investimento de máis de 156 millóns de euros, facendo posible máis de 29.000 detencións por narcotráfico e contrabando e a incautación de máis de 2.000 toneladas de droga.
Marlaska defendeu que España é un dos países máis seguros do mundo e un "referente mundial" en políticas de seguridade públicas, "cunha das taxas de criminalidade máis baixas" da súa contorna.
"Fronte a quen xoga permanentemente as bazas do descrédito e da deslegitimación de quen pensa diferente, fronte aos irresponsables que axitan a bandeira do medo, fronte aos propagadores do odio e do enfrontamento social, a todos eles dígolles unha vez máis que España é un dos países máis seguros do mundo", engadiu.

Un dos momentos principais da celebración foi o da imposición das condecoracións aos policías e civís que contribuíron coa súa valentía e coa súa vocación de servizo público á protección da cidadanía.
Tamén houbo medallas para algúns dos membros da unidade canina. O acto máis emotivo foi a homenaxe aos caídos en acto de servizo. A xornada rematou cun desfile en que se puideron contemplar os uniformes que o corpo utilizou dende o mesmo día que entrou en funcionamento.
No acto estiveron presentes tamén o conselleiro de Presidencia Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, Diego Calvo; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, ou o alcalde olívico, Abel Caballero.
O ministro Grande-Marlaska pasou revista entre apupos dalgúns dos asistentes no marco dunha concentración do sindicato Jupol.