Publicador de contidos

Publicador de contidos

Paula Prado: "Os recursos de inconstitucionalidade son un boicot do Goberno a Galicia"

Paula Prado: "Os recursos de inconstitucionalidade son un boicot do Goberno a Galicia"

A secretaria xeral do PPdeG amosa a súa satisfacción pola última enquisa de Sondaxe, que revela que os populares galegos manterían a maioría absoluta de se celebraren hoxe eleccións

Paula Prado considera que este apoio débese á confianza dos galegos nun goberno que fai políticas de vivenda, apoia a mocidade e reforza os servizos públicos
 

G24.gal 28/09/2025 10:51 Última actualización 28/09/2025 11:40

A secretaria xeral do PP afirma que é "incomprensible" que o executivo acordase recorrer ao Tribunal Constitucional ante dúas cuestións "tan beneficiosas para os galegos" como son a decisión da Xunta de potenciar os parques eólicos e a axilización no recoñecemento do grao de dependencia e discapacidade. 

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Paula Prado explicou que dende que se aprobou a disposición autonómica que vincula o grao de dependencia e o de discapacidade, "duplicouse o número de persoas con este recoñecemento que xa están cobrando as axudas ou recibindo os servizos correspondentes". Por iso –apuntou– "non entendo que o Goberno queira paralizar este proceso, que é moito máis áxil e que eles mesmos copiaron".

O outro recurso, ao que se referiu a secretaria xeral do PP, é a potenciación dos parques eólicos, algo que –afirma– "beneficiaría os galegos e as galegas porque -para que me entendan-  sería electricidade que quedaría en Galicia".

Enquisas electorais 

A dirixente do PP valorou a última enquisa de Sondaxe que lle outorga a maioría absoluta ao PPdG de se celebraren hoxe as eleccións. Paula Prado cre que isto demostra que os galegos seguen apostando por un goberno que está centrado no que lle importa ós cidadáns.

"Demostra que os galegos seguen apoiando un goberno que fai políticas de vivenda, que apoia a mocidade e que reforza os servizos públicos. A oposición, vemos que segue suspendendo, porque a súa proposta segue a ser a do balbordo, a da manifestación, a do non permanente", subliñou Paula Prado.

 

Altri


Outra decisión que non entende a deputada Paula Prado é a negativa ao proxecto dunha subestación en Lugo, simplemente "por non querer favorecer a instalación da planta de Altri en Galicia, o que é unha decisión exclusivamente partidista". 

"Este proxecto cumpre coa lexislación medioambiental e xeraría emprego nunha provincia avellentada", pero entende que o "PSdeG e o BNG só poñen paus nas rodas dos proxectos industriais e así non sei como se vai xerar emprego", indicou a dirixente do PP.

Incendios 

Paula Prado tamén defendeu a "resposta extraordinaria por parte da Xunta ante a vaga de lumes deste verán".

"Activouse o maior dispositivo, o presidente Alfonso Rueda estivo pendente permanentemente, dirixindo o operativo e xa hai familias que están cobrando as axudas", afirmou a secretaria xeral do PPdeG.

Pola contra, segundo a número dous do PPdeG,  "o Goberno central non ten aprobada ningunha das achegas propostas, que, por certo, son moi cativas".

 

Gaza

A secretaria  xeral dos populares galegos tamén se referiu na entrevista da Radio Galega  ao debate xurdido na última sesión plenaria polo minuto de silencio por Gaza.

"Gardamos un minuto de silencio no Parlamento polo xenocidio en Gaza plenamente conscientes. Pero pedimos que se incluísen as vítimas do terrorismo de Hamás e non aceptaron nin o PSdG nin o BNG. Que o problema sexa utilizar unha palabra ou non é unha hipocrisía política. Estamos todos de acordo en que a guerra pare, pero non pode haber vítimas de primeira e de segunda", subliñou Prado durante a entrevista.

Menores Migrantes

Paula Prado cargou contra o Goberno por enviar a Galicia máis de 300 menores migrantes malia que a Xunta lle advertiu de que tiña os centros de acollida colapsados. Segundo explicou, o goberno galego  tivo que poñer en marcha un centro no concello de Monforte.  

"O Partido Socialista di que veñan os menores pero, claro, cando é un concello gobernado polo PSdeG di, aquí non. Non se pode ser tan hipócrita. Nós queremos atendelos con calidade. Non se poden levar a calquera sitio que se lle ocorra ao señor Besteiro e á señora Pontón, pero, claro, que non sexan concellos do Bloque nin do PSOE", argumentou a deputada popular.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade