Publicador de contidos

Publicador de contidos

Besteiro resta importancia ao cesamento de Rivas na Subdelegación do Goberno

Besteiro resta importancia ao cesamento de Rivas na Subdelegación do Goberno

O secretario xeral do PSdeG atribúe a remuda a "un cambio normal tras unha designación"

Afirma que a Xunta conta con recursos para acoller menores migrantes e reclama unha aposta decidida polo respecto aos dereitos humanos

O líder dos socialistas galegos reivindica "políticas de prosperidade" para o rural para previr os incendios

Besteiro durante a entrevista na Radio Galega
G24.gal 14/09/2025 09:30 Última actualización 14/09/2025 10:10

O secretario xeral do PSdeG defende a decisión da Delegación do Goberno en Galicia de remudar a María Rivas á fronte da Subdelegación  da Coruña.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, José Ramón Gómez Besteiro afirmou que ten a "mellor das opinións" tanto da subdelegada saínte coma de Julio Abalde, que asumirá o cargo tras deixar o seu escano no Parlamento.

A acta pasara a Aitor Bouza, salpicado pola crise interna do PSdeG en Santiago que supuxo a expulsión de catro edís. O dirixente socialista negou que cesaran a Rivas co obxecto de colocar a Bouzas no hemiciclo.

"En absoluto. Hai unha resituación e cando unha persoa sae, corre a lista e senón que llo digan ao PP. Son os cambios normais cando se producen designacións".

Besteiro sinalou que María Rivas prestou "un magnífico servizo" na Administración do Estado  igual que o fará –engadiu– Julio Abalde.

Menores non acompañados

O líder do PSdeG afirmou que Galicia ten capacidade para acoller os 317 menores migrantes non acompañados que o Goberno enviará á comunidade.

José Ramón Gómez Besteiro dixo non entender a posición da Xunta  que critica que Cataluña ou o País Vasco non entren na repartición e que non se faciliten fondos. Segundo José Ramón Gómez Besteiro, as achegas "son suficientes".

"Imos a un ano récord de transferencias do Estado a Galicia con máis de 11.000 millóns froito dunha boa xestión económica. Nesa achega  hai que incluír a condonación de 4.010 millóns de euros de forma incondicional".

Besteiro engadiu que Galicia terá que acoller practicamente un migrante por concello e pediulle á Xunta que faga unha aposta decidida polos dereitos humanos e pola solidariedade".

"O que ten que haber é una aposta decidida por respectar os dereitos humanos. O número non parece excesivo. Temos 300 concellos en  Galicia. A Xunta ten capacidade. Se reclamamos solidariedade en cuestións como o financiamento autonómico, tamén temos que ser solidarios no respecto aos dereitos humanos. É unha forma de demostrar como se quere gobernar".

Incendios 

O secretario xeral do PSdeG apostou por un pacto polo clima pero primeiro –sinalou–  hai que admitir que hai unha emerxencia climática. Neste sentido apelou a novas políticas na prevención dos incendios e contra o abandono do rural.

Segundo afondou, "o monte está cheo de combustible e coas altas temperaturas e os ciclos de seca convértese nunha polvoreira". O líder dos socialistas galegos reclamou "políticas de prosperidade e de ocupación do territorio" para o rural.

"Hai que mirar o rural de xeito diferente, temos que falar do monte, da gandería, dos procesos industriais no ámbito rural e afrontar o problema demográfico. Se  pechan centros educativos,  os centros médicos, a zona rural está cada vez menos dotada e resulta menos atractiva. Hai que darlle a expectativa á mocidade de que pode ir ao rural e vivir do rural".

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, José Ramón Gómez Besteiro engadiu que as políticas de prevención do PP, despois de 16 anos no goberno, "fracasaron", razón –explicou– pola que esta semana pediron no Parlamento a dimisión do presidente, Alfonso Rueda.

Altri e Biofibras de Galicia

O líder do PSdeG diferenciou o proxecto de Altri en Palas de Rei do que Biofibras de Galicia, dependente do grupo Ence, planifica nas Pontes.

"O proxecto de Ence para as Pontes  é absolutamente diferente do de Altri porque non consome nin un só gramo de eucalipto, senón que é un proceso de reciclaxe absolutamente punteiro no que se vai reutilizar biomasa pero non vai haber cortas".

Besteiro engadiu que a planta que se proxecta nas Pontes permitirá recuperar solo industrial. Pola contra, –subliñou– o de Altri "non é un proxecto que Galicia precise nin creo que o lugar sexa o máis axeitado".

"O proxecto para facer celulosa non creo que sexa top para Galicia. Penso que de celulosa xa entendemos bastante".

Industria naval

O secretario xeral do PSdeG augurou que tras a construción das cinco fragatas F-110 encargadas pola Armada ao Navantia Ferrol virán máis encargas.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, Xosé Ramón Gómez Besteiro afirmou que a botadura, esta semana, da fragata Bonifaz, a primeira da serie, é unha mostra de que se está a avanzar na reindustrialización de Ferrol.

"As outras industrias navais ven con envexa como funciona a industria naval en Galicia e como somos capaces de ser absolutamente competitivos e como estamos avanzando na reindustrialización".

Besteiro subliñou que a construción das fragatas F-110 supón prosperidade para Ferrol e para unha Galicia que "tanto necesita dese impulso de reindustrialización".

Noutra orde de cousas, o líder do PSdeG sinalou que, a día de hoxe, mantén a "clara intención" de concorrer ás próximas eleccións e marcou distancias co BNG.

"Compartimos algunhas decisións políticas pero outras non.  En materia de financiamento autonómico non defendemos o concerto. Somos  de esquerda pero non independentistas".

Con respecto ao futuro de Pedro Sánchez, Besteiro augurou que "lle queda moita vida política por diante" pero que, tanto no seu caso coma no do presidente do Goberno, será a militancia quen teña a última palabra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade